24 sept 2009

VISITA DA SECRETARIA XERAL DE FAMILIA

A Secretaría Xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, visitou onte Quiroga para facer un recorrido por todos aqueles departamentos que dependen nalgunha medida desta consellería.

O primeiro lugar que visitou foi o poboado xitano do Toucedo, que participa desde fai anos nun plan de mellora das súas vivendas que conta co apoio dos programas específicos de integración xitana da Xunta de Galicia. Tras conversar cos seus veciños e visitar unha das vivendas realizadas baixo este plan a Secretaria Xeral comprometeuse a realizar as xestións para que a mellora das vivendas se poida levar a cabo con máis rapidez.

Despois visitou as instalacións da nova guardería de Quiroga, que recentemente pasou a depender da rede de escolas infantís da Xunta de Galicia.

Nas instalacións do Centro Social da Terceira Idade, o rexedor local, Julio Alvarez, puntualizou que a maior necesidade do concello de Quiroga en materia de servicios sociais nestes momentos sería a construcción dun centro de día. Para este novo servicio o rexedor local apuntou a posibilidade de que se adaptaran as instalacións do centro social, ou se non fose posible ceder uns terreos municipais para unha nova construcción.

Susana López Abella comprometeuse a estudar a petición do alcalde quirogués, e ainda que non confirmou que se poida contar cun Centro de Día en Quiroga, si anunciou que en breves días virán a Quiroga técnicos do seu departamento que estudiarán a posibilidade de adaptar unha parte do Centro Social para prestar este servicio.

Tras visitar as instalacións do Centro Social o percorrido da secretaria xeral de Familia e Benestar rematou na residencia da terceira idade, onde se están realizando obras de mellora financiadas polo seu departamento que consisten na supresión de barreiras arquitectónicas, a renovación da cuberta e a reforma dos cuartos de baño para adaptalos a persoas impedidas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario