30 mar. 2010

NOVAS GRADAS NO PAVILLÓN MUNICIPAL

Mañá mércores inauguraranse as novas gradas do pavillón municipal coa celebración de varios encontros de fútbol sala dos equipos das Escolas Deportivas.

Operarios municipais traballaban estes días na colocación de 150 asientos plásticos que se sitúan enriba das gradas de cemento, para maior comodidade dos usuarios do pavillón municipal.

A inauguración do graderío terá lugar ás seis menos cuarto e a partir das seis comenzarán os encontros deportivos. O primeiro será un encontro entre o Quiroga alevín e o Ourense; e a continuación varios encontros dos equipos benxamíns e prebenxamíns.

29 mar. 2010

PROGRAMA DA XXVIII FEIRA DO VIÑO

A carreira popular que se celebrará o vindeiro venres ás cinco da tarde abrirá o programa de actividades organizado para a vigésimo oitava Feira do Viño, que terá lugar os días 3 e 4 de abril.

O sábado ás seis e media da tarde inaugurarase o recinto feiral e media hora máis tarde terán lugar no auditorio municipal as actuacións da Coral Polifónica de Quiroga, da Banda de Gaitas e do Grupo de Danzas San Martiño, e farase entrega dos premios do certame Cartas de Amor Vila de Quiroga.

As oito está previsto que comence o pregón a cargo de Jimmy Jiménez Arnau no recinto feiral. Tras o pregón entrega de trofeos e festa coa orquestra Alkar.

O domingo ás doce da mediodía haberá unha demostración dun fiadeiro, onde se poderá ver o cardado, o fiado e o tecido da lá de xeito artesanal. A música desta xornada correrá a cargo do grupo o Recanto e da Charanga Terra de Trives.

Durante estes dous días poderase ver na Casa da Cultura unha exposición de moble rústico galego da carpintería Armador e no museo etnográfico unha exposición de maquetas de Vicente Blanco Gómez, veciño da Enciñeira.

25 mar. 2010

AS FEIRAS DO VIÑO DE SOBER E QUIROGA CONECTADAS EN AUTOBÚS

A oficina de xuventude do Concello de Quiroga en colaboración co concello de Sober, vai facer un intercambio para que a xente dos dous municipios poida asistir ás feiras do viño que se celebran en Sober e Quiroga.

Deste xeito, o concello de Quiroga poñerá a disposición de todolos quirogueses un autobús para asistir este domingo a XXX Feira do Viño de Amandi, en Sober. O autobús, totalmente gratuito, sairá o domingo ás tres da tarde diante do bar Quiper e voltará á media noite.

O concello de Sober, pola súa banda, tamén poñerá a disposición dos seus veciños un autobús para asistir á feira do viño de Quiroga a semana seguinte.

O GRUPO UTOPIA COMPITE EN MUSIC AULA

O grupo local de pop rock “Utopía” compite nun concurso a nivel estatal chamado Music Aula, convocado a través da internet, precisamente cun tema titulado como o seu propio nome. O certame desenvólvese por áreas xeográficas e ten unha serie de eliminatorias. Eles xa pasaron a primeira fase e en pouco tempo, o sábado 22 de maio, terán que dar un concerto en directo en Santa Comba, na Coruña, para pasar ás semifinais.

Máis de medio milleiro de bandas inscribíronse inicialmente en MusicAula, o primeiro festival español de música pop-rock destinado ós máis novos, o que demostra o interese dos adolescentes pola música e a cultura. Tras unha primeira criba sobreviviron 220 grupos, que participaron nas semifinais. Agora quedan só 36 semifinalistas, entre eles o grupo quirogués Utopía.

Estes mozos participaron o pasado verán, xunto con outros dous grupos locais, no Festival da Xuventude organizado polo concello. Tamén ofreceron concertos en varios pubs da zona, pero para quen non os viu en directo, podeno facer en MySpace onde teñen colgados os seus temas.

Eros, KeviN, Iván, Santi e David, cinco mozos de Quiroga e San Clodio xa conseguiron gravar a súa primeira maqueta no mes de outubro, nela incluíron dez temas de composición propia. A área de cultura do concello de Quiroga foi quen financiou a gravación desta maqueta, para o que o grupo se comprometeu a dar tres concertos en Quiroga, o primeiro deles foi a participación no Festival da Xuventude.

23 mar. 2010

UN FIADEIRO NA XXVIII FEIRA DO VIÑO



O Concello de Quiroga a traverso do Museo Etnográfico vai levar a cabo unha exhibición dun “fiadeiro", co cardado, "fiado e tecido da la de xeito tradicional”, entre os actos organizados para o domingo da Feira do Viño. Con esta iniciativa o concello pretende sacar á rúa os oficios tradicionais que están representados no museo.

Na exhibición que terá lugar entre as doce da mediodía e as dúas da tarde no recinto feiral, achegaranse ó público traballos tan habituais noutro tempo e agora prácticamente esquencidos, tanto que íncluso as seis colaboradoras do museo que poñerán en práctica estas actividades que viviron na súa xuventude, tiveron que ensaiar e recuperar un pouco a práctica; traballo que estiveron a realizar estes días.

Na exhibición poderase ver o proceso do cardado da lá, o fiado de tres formas distintas: cun fuso tradicional de man, cunha roca e cun fuso de pedal; o torcido da lá e finalmente a calceta, nesta ocasión calcetando uns calcetíns. Para facer máis vistosa a exhibición as seis protagonistas irán vestidas con roupa típica da época.

Todos os utensilios empregados neste fiadeiro forman parte do amplo inventario do Museo Etnográfico, e alí voltarán para que poidan ser novamente visitados nestas instalacións.

Os organizadores queren que a exhibición desperte o interese do público e á vez que sexa algo cercano, no que se poidan achegar ás colaboradoras e incluso preguntarlles sobre unha tradición prácticamente esquencida que elas tentaron recuperar ilusionadamente.

18 mar. 2010

O CAMIÑO DE SANTIAGO EN SETE ETAPAS

O Concello de Quiroga organizou un percorrido polo tramo do Camiño Francés que discorre por Galicia andando. Trátase de recorrer o tramo dende o Cebreiro ata Santiago de Compostela, 144,7Km en total, en sete etapas que se realizarían os sábados.

A primeira das etapas faríase o día 8 de maio, entre o Cebreiro e Triacastela, cun total de 21,1 Km. A segunda etapa faríase o día 22 de maio; 18,3 Km entre Triacastela e Sarria. A terceira etapa de 22,4 Km sería o 5 de xuño entre Sarria e Portomarín. A cuarta etapa entre Portomarín e Palas de Rei levaríase a cabo o día 19 de xuño, cun tramo de 25 Km. A etapa máis longa de todas, con 28,8 Km, entre Palas de Rei e Arzúa realizaríase o 25 de setembro. O 9 de outubro realizaríase a etapa entre Arzúa e Pedrouzo de 19,1 Km; e finalmente o 23 de outubro tras unha etapa de 20 Km que se iniciaría en Pedrouzo chegaríase a Compostela.

Un autobús encargaríase de levar ós participantes ó punto de partida e de recollelos no final de cada etapa; ademáis o autobús estaría durante todo o recorrido a disposición dos camiñantes por si o precisan nalgún momento.

17 mar. 2010

NOVO ACCESO PARA CONTEMPLAR A BOCA DE ENTRADA DO TÚNEL ROMANO DE MONTEFURADO.

O Concello de Quiroga, co financiamento do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, está a preparar un novo acceso para a área situada entre o río Sil e a estrada N-120 que permite contemplar o Túnel Romano de Montefurado dende a súa boca de entrada.

Este novo acceso, que parte da estrada local entre Montefurado e Covallos, substitúe ao desaparecido por mor das obras de ampliación e reforma da estrada N-120 (P.K. 476) na que se realizou unha ampliación da vía cun novo carril que ocupou parcialmente o aparcamento e o camiño de acceso que conducía ata o punto de observación que fora acondicionado polo Concello de Quiroga. Dende este punto o visitante pode achegarse ata a mesma boca de entrada do Túnel Romano, obter información nun panel interpretativo e coñecer a denominada Ruta do Ouro que permite aproximarse a outras explotacións auríferas quiroguesas emprazadas nas inmediacións da estrada N-120.

Este novo acceso, que permitirá aos visitantes acceder directamente dende a estrada local Montefurado-Covallos unha vez superada a perpendicular do túnel da N-120, constrúese cunha rampla en forma de z para salvar un desnivel de 20 m, ademais levará no seu trazado varios chanzos de madeira e pedra nas zonas de máis inclinación e unha varanda de madeira tratada para maior seguridade dos usuarios.

Neste proxecto de mellora do acceso a boca de entrada do Túnel romano de Montefurado, tamén está contemplada a substitución do pasamáns de madeira tratada que rodea todo o perímetro da área xa que o existente desapareceu como consecuencia das enchentes do río Sil e a colocación dunha varanda do mesmo material na parte superior do ribazo para protexer o contorno do acceso a rampla de baixada.

Para a construcción deste novo acceso, que terá que estar rematado a finais do mes de marzo, o Concello de Quiroga tivo que contar cos permisos de Patrimonio Histórico e Cultural da Xunta de Galicia, da Confederación Hidrográfica e da Rede de Estradas do Estado Galicia.

Con esta actuación recupérase a posibilidade de contemplar esta impresionante obra de enxeñería romana dende o punto por onde entra o río Sil na montaña, complementando o miradoiro que tamén se está a construír na estrada de Montefurado á Enciñeira que permite a contemplación da boca de saída do Túnel.

16 mar. 2010

COMENZAN A CREARSE AS CONDICIÓNS PARA UTILIZAR O NOME DE ACEITE DE QUIROGA

A recentemente creada comisión para fixar as condición esixidas para poder facer uso da marca Aceite de Quiroga reuniuse por primeira vez para plasmar os requisitos de producción, elaboración e comercialización que se lles esixirán os productores que queiran acollerse a esta marca.

A comisión está formada por catro olivareiros; Guillermo Nogueira Veloso, Jesús Bao Móndelo, Luís Vicente Arias Prieto, Manuel Mondelo Rodríguez; e un Enxeñeiro Técnico Agrícola, Isidoro Nogueira Panero.

O Concello rexistrou ó seu nome a marca “Aceite de Quiroga” con dous principais fins: Certificar as características do producto de forma que quenes queiran utilizar esta marca han de cumprir certos requisitos tanto na producción, elaboración como comercialización do aceite. E regular e ordenar as plantacións de olivares. Para supervisar todo isto é para o que se creou esta comisión.

Para que os aceites poidan levar a etiqueta co nome de “Aceite de Quiroga” será requisito necesario que a materia prima proceda integramente da zona delimitada pola Comisión e aceptada en última instancia polo propietario da marca. Ademais a súa elaboración tamén se realizará no devandito territorio e exclusivamente con oliveiras das variedades aceptadas pola Comisión.

O proceso productivo estará supervisado en todas as súas fases por unha persoa (física ou xurídica) autorizada polo Concello de Quiroga. Esta determinará a densidade de plantación, o sistema de poda, a aplicación de novas prácticas de cultivo, os tratamentos, os sistemas de recolleita do froito, etc., sempre de acordo co establecido na lexislación vixente e que non afecte desfavorablemente á calidade da aceituna ou do aceite producido.

Os aceites xa elaborados han de pasar unha serie de controis que certifiquen a calidade do producto. As análises mínimas esixibles serán: Organoléptico, Físico-Químico e Bacteriolóxico.

Todos os envases nos que se expidan os aceites con destino ó consumo irán provistos de etiquetas autorizadas e expedidas polo Concello nas que figurará sempre e de forma destacada a mención “Aceite de Quiroga”, ademais dos datos que con carácter xeral se determínen na lexislación vixente.

Co fin de evitar fraudes, o Concello de Quiroga levará un Rexistro de Plantacións de Oliveiras no que figurarán: o nome do propietario ou titular, lugar no que está situada a plantación, superficie, variedade ou variedades cultivadas e todos os datos necesarios para a súa correcta clasificación e localización.

Así mesmo levarase tamén un Rexistro dos Muiños existentes que poidan e queiran optar ao uso da marca. En devandito rexistro figurará: o nome ou razón social da empresa, o domicilio, capacidade, maquinaria e demais datos necesarios para a súa correcta identificación.

No caso de incumprimento dalgún destes requisitos, o Concello de Quiroga, como propietario da marca, poderá denegar o dereito ó uso da mesma.

8 mar. 2010

CENTOS DE VISITANTES NA MOSTRA DO ACEITE

Centos de persoas achegáronse na xornada de onte ata as Farrapas para disfrutar da X Mostra do Aceite, a pesar de que as condicións meteorolóxicas non axudaron moito.

Preto da mediodía comenzou a funcionar o muiño, facendo unha demostración da elaboración tradicional do aceite, demostración que como é habitual chamou á atención dos visitantes. O primeiro paso foi moer as aceitunas, para o que se puxo en funcionamento o muiño movido por un burro, (dende hai anos a burra Carolina), ata triturar totalmente o froito. A pasta das aceitunas recolleuse do muiño e colocouse nos capachos, que son esteiras de esparto, votándolles auga quente. Os capachos colocáronse uns enriba doutros á espera de ser prensados. O líquido saía ó sometelo á forza da prensa, onde pola súa propia densidade se separaba o aceite da auga.

Un dos primeiros visitantes que recibía o muiño era o director xeral de Medio Rural, Ramón Carballo, que acudía por primeira vez ésta mostra.

Aparte do director xeral foron moitos os visitantes que entraron ó muiño, onde nos atopamos xente de toda a comarca, da zona de Ponferrada ou incluso de Ferrol.
No recinto da mostra ademáis do producto estrela, o aceite, poideronse mercar productos típicos da nosa zona durante toda a xornada. En total instaláronse trece postos, 5 de aceite e o resto doutros productos típicos da comarca como castañas, licores tradicionais ou pan do país.

Os cinco colleiteiros habituais neste evento puxeron a venda aceite dunha colleita moi abundante e de moi boa calidade. O prezo das botellas de aceite que se puxeron á venda mantívose como en anos pasados, 7 euros a botella e se se mercaban máis de tres a 5 euros. Os cinco coincidiron en que as vendas, aínda que boas foron un pouco menos importantes que en anos anteriores.

O propio rexedor local, Julio Alvarez, amosábase satisfeito coa afluencia de visitantes a pesar do mal tempo e anunciaba que a corporación municipal creará un reglamento que permitirá os colleiteiros que se adaptan a el usar o nome de Aceite de Quiroga.

5 mar. 2010

NOVA REGULACIÓN DO TRÁFICO NA MOSTRA DO ACEITE

Esta mañá tiña lugar a derradeira xuntanda da comisión organizadora da X Mostra do Aceite que se celebra este domingo no lugar das Farrapas en Bendilló. Nesta xuntanza, e dada a influencia de público que se agarda, decidiuse unha nova regulación do tráfico, polo que a zona farase de dirección única, entrarase dende o cruce da N-120 para Bendilló e sairase polo pobo de Montefurado.

Nesta xuntanza tamén se repasou todo o relativo esta mostra, dende o programa ata o acondicionamento do recinto, para comprobar que todo está perfectamente organizado.

O programa comenza coa inauguración da mostra ás once da mañá, para media hora despois poñer en funcionamento o muiño no que se realizará unha demostración da elaboración tradicional do aceite. Sobre as doce e media da mediodía está previsto que comencen as actuación de música e danza tradicional galega que correrán a cargo das agrupacións locais.

No recinto da mostra ademáis do producto estrela, o aceite, poderanse ver e mercar productos típicos da nosa zona durante toda a xornada. En total instalaranse trece postos, 5 serán de aceite e o resto doutros productos típicos da comarca como castañas, licores tradicionais ou pan do país. O prezo das botellas de aceite que se poñan a venda mantense como en anos pasados, 7 euros a botella e se se mercan máis de tres a 5 euros.

3 mar. 2010

NOVOS LIZOS PARA O TEAR DO MUSEO


O museo etnográfico de Quiroga conta cun importante número de pezas que formaron parte da vida dos quirogueses, e contan coa particularidade de que todas elas funcionan correctamente.

Para que estén en funcionamento é preciso realizarlle periódicamente traballos de mantemento. Esto precisamente é o que se está levando a cabo estes días no tear. Agapito Vila, restaurador do museo, axudado pola súa dona e instruidos por unha tecedeira que se adicou toda a vida a traballar no tear, Carmen e o seu marido Ricardo, estanlle realizando uns lizos novos ó tear, xa que os que tiña ata agora ameazaban con romper.

Os lizos, quizais a parte máis dificil de montar nun tear, son os fíos de "liñol" que marcan as separacións polas que posteriormente pasarán os fios ou a tea do tear. Da súa boa colocación depende que o tear funcione correctamente xa que son os que moven todos os fíos para poder tecer porque está comunicado directamente cos pedais.

Para a construcción destes novos lizos Agapito e a súa dona Manuela empregaron duas semanas de traballo, xa que cada unha das duas partes dos dous lizos levan preto de mil fios.

1 mar. 2010

O VENTO LEVANTA TELLADOS E TIRA ARBORES

O ciclon Xynthia tamén pasou o sábado por Quiroga. A partir das cinco da tarde comenzaron a soplar os ventos que se deixaron sentir ata preto da medianoite, con refachos de forte intensidade.

Unha das pegadas máis espectaculares de Xynthia en todo o sur da provincia de Lugo rexistrouse na Hermida. O tellado de chapa metálica dunha nave gandeira foi arrincado por un refacho de vento e caeu no campo da festa, a uns cen metros. Tamén en Paradela do Lor o tellado e a chimenea dunha vivenda sofriron desperfectos

Tamén deixou algúnha que outra árbore caída no noso municipio. Protección civil tivo que retirar unha árbore da estrada que une Quiroga con Campos de Vila, á altura de Sampaio, que impedia o paso da circulación; e esta mesma mañá traballadores do concello aínda retiraban árbores caídas entre Lamela e Arxubín.