6 ago 2010

REMATARON AS OBRAS DE ACONDICIONAMENTO DA ÁREA ARQUEOLÓXICA DE "PENAFURADA" NO CAMIÑO FERRADAL OU DA CALEIRA QUE UNE RUGANDO E PONTE SOLDÓN.

O Alcalde Quiroga Xulio Álvarez anunciou que a posta en valor do Camiño Ferradal ou da Caleira, no treito que une os lugares de Rugando e Ponte Soldón, están a piques de rematar. Esta antiga ruta de 11 quilómetros que no seu día servía para transportar o ferro e outros materiais as ferrerías de Rugando e a Gorgueira (Paradaseca), foi recuperada polo Concello de Quiroga coa axuda dos fondos leader administrados polo GDR Ribeira Sacra.

Un dos puntos máis atractivos da ruta e a denominada área mineira de Penafurada, entre os lugares de Paradaseca e Paradapiñol. Nesta zona acondicionouse unha superficie duns 2.000 m2, onde se poden contemplar concentrados varios elementos interesantes do complexo mineiro romano que ocupaba boa parte do curso baixo do río Soldón. O esporón de Penafurada permite contemplar con bastante claridade dúas explotacións auríferas romanas, que conservan case todos os seus elementos, ademais pode accederse con comodidade ao túnel que formaba parte dunha importante canle de abastecemento de auga das minas emprazadas augas abaixo e mesmo, segundo algún investigador, da grande mina das Medas ao carón de Quiroga.

Aquí os traballos para facilitar as visitas consistiron na eliminación da maleza de toda a zona dende o camiño Ferradal, na colocación dun balado de madeira tratada para evitar o perigo e poder contemplar a espectacularidade do contorno e a construcción dun acceso con chanzos de madeira que nos permite acceder as dúas bocas do túnel (de 16 x 1 m) que atravesa o esporón rochoso. Estas tarefas completaranse coa colocación de dous paneis interpretativos que axudarán aos visitantes a comprender o contorno paisaxístico e arqueolóxico.

Este camiño cos elementos que compoñen o seu contorno, como a área mineira romana de Penafurada onde agora remataron as obras, considérase dende o Concello de Quiroga como un magnífico expoñente de ruta de cara á utilización turística, xa que ademais da beleza paisaxística agacha numerosos elementos relacionados co patrimonio etnográfico e arqueolóxico. Conforman este espectacular tecido: xacementos auríferos romanos coas súas canles de distribución de auga, alvarizas, sequeiros para as castañas, fornos de cal e as Ferrerías de Rugando (hoxe casa de Turismo Rural) e da Gorgueira baixo Paradaseca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario