29 oct 2010

O CONCELLO DE QUIROGA RECUPERARÁ VARIAS RUTAS DE SENDEIRISMO NO SEU TERRITORIO DA REDE NATURA 2000, CUNHA AXUDA DA CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, anunciou que o Concello de Quiroga, cunha axuda da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, por importe de 20 000 € recuperará varias rutas de sendeirismo dentro do territorio da Rede Natura 2000 .
Esta medida hai que enmarcala dentro do compromiso do goberno local por manter nas mellores condicións posibles o enorme patrimonio natural do concello de Quiroga.
Con esta axuda realizaranse as seguintes intervencións de mellora do medio natural e procura de novos espazos para a práctica do sendeirismo:
-Recuperación do camiño da “Fonte Rubia” da Seara a Formigueiros. Este camiño, de enorme beleza, sobe polo Val de Forgas e pasa ao carón da fonte de augas ferruxinosas coñecida no lugar como “Fonte Rubia”.
-Recuperación do camiño do “Souto da Caleira” en Cereixido. Esta ruta vai dende a fonte do Cal ata Cereixido, discorrendo polo souto onde podemos atopar un forno de cal recuperado anos atrás polo concello de Quiroga e as ruínas da Capela da Santa.
-Melloras da contorna na Fervenza de Vieiros (Vieiros, A Seara). A ruta de sendeirismo existente nun dos lugares máis visitados da Serra do Caurel, quedou seriamente danada polos temporais dos anos 2009-2010. Estes danos impiden que poida seguirse con normalidade en todo o seu espectacular percorrido. Preténdese a súa recuperación integral e a realización de arranxos no pequeno aparcadoiro existente ao carón da estrada que une A Seara con Ferramulín.
Estas melloras completarán as actuacións realizadas polo Concello de Quiroga no territorio do Rede Natura 2000 en exercicios anteriores acolléndose a esta mesma liña de axudas da Xunta de Galicia e que consistiron en: -Sinalización do espazo da Rede Natura en Quiroga, -divulgación entre os escolares e veciños do espazo protexido en Quiroga, -divulgación entre os veciños das parroquias e comunidades de montes implicados directamente, -edición dun folleto, -edición dunha guía dixital do Concello de Quiroga, -eliminación de vertedoiros incontrolados no territorio da Rede Natura, etc.

No hay comentarios:

Publicar un comentario