30 dic. 2010

A CORPORACIÓN MUNICIPAL CELEBROU A ÚLTIMA SESIÓN PLENARIA DO ANO 2010

Hoxe ás doce do mediodía, celebrábase unha nova sesión ordinaria do pleno da corporación municipal, a última do ano 2010.

A orde do día foi a seguinte:

- Aprobación, se procede, do borrador da acta da sesión plenaria do día 28 de outubro de 2010.

- Moción do grupo municipal do partido popular sobre o día internacional para a eliminación da violencia de xénero contra as mulleres.

- Moción do BNG sobre os recortes sociais nos orzamentos de Galicia para o 2011.

- Moción tamén do grupo popular sobre o conflicto do Sáhara.

- Renuncia da alcaldía á dedicación exclusiva, con efectos do 1 de marzo de 2011.

- Resolucións da alcaldía, e por último rogos e preguntas.

O remate do pleno a corporación municipal felicitou o ano a todos os veciños.

27 dic. 2010

O CONCELLO DE QUIROGA DISPÓN XA DUN NOVO VEHÍCULO EQUIPADO PARA TAREFAS MEDIOAMBIENTAIS.

O luns pola mañá o rexedor de Quiroga, Julio Alvarez, e o capataz do GRUMIR, desprazábanse ata Santiago de Compostela, en concreto a praza do Obradoiro, onde lles fixeron entrega dun novo vehículo ao concello de Quiroga. Este tipo de vehículo está especialmente deseñado e equipado para traballar en concellos cunha elevada dispersión poboacional e nos que o acceso aos determinados núcleos rurais é máis complicado; grazas ao seu tamaño e a súa tracción as catro rodas, un motor diésel de 150 cabalos de potencia e a última tecnoloxía para o desenvolvemento de labouras relativas ao control medioambiental. Neste senso contan con diferentes dispositivos para recoller mostras de residuos e verquidos incontrolados.
A Consellería de Presidencia Administracións públicas e Xustiza foi a que adxudicou este vehículo por resolución da convocatoria de subvencións e os criterios de repartición do Fondo de Compensación Ambiental.

 

23 dic. 2010

AXUDA ÁS FAMILIAS INMIGRANTES CON POUCOS RECURSOS

O rexedor local, Julio Álvarez e a concelleira da área social Ana Nuñez, facían entrega esta mañá dos cheques ás familias inmigrantes con menos recursos.

Os cartos proceden do Plan da Xunta de Galicia para favorecer a integración dos inmigrantes dentro dos municipios, e cada concello é o que se encarga do seu reparto.

En Quiroga foron 6 as familias que se beneficiaron desta pequena axuda, que viña determindada en función das condiccións económicas de cada unha delas.

O CONCELLO ENTREGOU OS PREMIOS DO CONCURSO DE ESCAPARATES

Esta mañá, na casa do Concello, entregáronse os premios do concurso de decoración de escaparates organizado dende o departamento da Muller do Concello.
En total houbo 6 participantes, Zapatería Z&C, Xoiería Zafiro, Parafarmacia, Modas Dina, Fontanería Benja e a tenda de Movistar.

Ás 12 do medio día o alcalde Julio Álvarez, a concelleira da área social Ana Nuñez e as encargadas do CIM foron os encargados de facer a entrega dos premios aos galardoados. Os agasallos consistían nunha placa commemorativa e unha cesta de nadal para o primeiro premio e para o segundo e o terceiro tamén outras cestas con produtos navideños. Así, o 3º premio foi para Modas Dina, o 2º para fontanería Benja e o 1º premio para Zapatería Z&C.

O resto dos participantes recibiron un agasallo de consolación.

21 dic. 2010

TEATRO INFANTIL "RATOS DA BIBLIOTECA"

O Concello de Quiroga segue a desenvolver o amplo programa de actividades para este Nadal e así o vindeiro xoves día 23, ás 18:00h. a Biblioteca Pública Municipal de Quiroga, acollerá novas aventuras dos Ratos da Biblibioteca. Teatro infantil a cargo da Compañía do Trinke Trinke.

Esta actividade conta co apoio da Consellería de Cultura, a través do programa de animación á lectura, “ Letras Vivas Animación”, no que está a participar o Concello de Quiroga.

Unha simpática familia de ratos de Biblioteca, procedente de Lonxedetodo, ven de chegar para contaxiar aos nenos o seu gusto polos contos e a lectura.

14 dic. 2010

O CONCELLO ORGANIZA O TRADICIONAL CONCERTO DE NADAL

Dentro da ampla oferta cultural do Concello de Quiroga para as festas do Nadal, o sábado día 18 a partir das 7 da tarde, terá lugar no Auditorio Municipal o tradicional Concerto de Nadal coa actuación da Coral Polifónica de Quiroga, do grupo de danzas e da banda de gaitas San Martiño de Quiroga.

Estas agrupacións queren con esta actuación aportar a súa colaboración á programación de Nadal que se prolongará ata o día 5 de xaneiro con numerosos actos para todos os públicos.

Este día, terá lugar, no mesmo recinto, a entrega de premios dos distintos certames convocados polos distintos servizos do Concello de Quiroga no derradeiro semestre do ano; concurso de Relato Curto, Postais de Nadal, Fotografía, así como o Certame de Poesía Nadal.

13 dic. 2010

VIDEOCONFERENCIA CON PAPÁ NOEL NO TELECENTRO DE QUIROGA.

O Telecentro de Comunicación do Concello de Quiroga en colaboración co Centro Multimedia de Galicia organiza para o vindeiro venres 17 de decembro de 2010 unha videoconferencia con Papá Noel. Esta actividade terá lugar entre ás 11:30 e as 12 horas nas instalacións do Telecentro situado na Casa da Cultura.

Neste encontro multimedia, participarán os nenos do Ciclo Infantil do Colexio de Infantil e Primaria de Quiroga, que poderán facer as súas peticións directamente a Papá Noel na súa residencia de Laponia, onde xa ultima os preparativos para o vindeiro nadal.

9 dic. 2010

O CONCELLO DE QUIROGA ORGANIZA UN CONCURSO DE DECORACIÓN NAVIDEÑA DE ESCAPARATES

Dende o Concello de Quiroga, un ano máis, trátase de impulsar o Comercio Local nestas datas tan propicias para o consumo. Así, solicítase a colaboración dos establecementos coa decoración dos seus escaparates, para que sirva de complemento á ilumunación navideña colocada polo Concello e chamar a atención dos viandantes. Para este fin organízase, como en anos anteriores, un concurso de DECORACIÓN NAVIDEÑA DE ESCAPARATES no que se convida a participar aos negocios e deste xeito premiar a súa colaboración.

As bases do concurso serán as seguintes:

-Poden participar todos os establecementos abertos ao público no termo municipal de Quiroga, estes deberán estar decorados como mínimo dende o 17 de decembro do 2010 ata o 7 de xaneiro do 2011.
-As inscripcións faranse no C.I.M. do Concello de Quiroga persoal ou telefonicamente e o prazo estará aberto dende o 9 ata o 21 de Nadal.
-O fallo do xurado e a entrega dos premios farase o día 23 de decembro no Concello.
-Os premios serán os seguintes, o 1º premio unha Placa conmemorativa e unha cesta de Nadal, o 2º e o 3º unha cesta de Nadal.
-A organización resérvase o dereito de anular o concurso no caso de non inscribirse máis de 4 participantes.

7 dic. 2010

A OFICINA DE INFORMACIÓN XUVENIL ORGANIZA DIFERENTES CAMPIONATOS NOS PUBS DE QUIROGA

Como todos os anos por estas datas a Oficina de Información Xuvenil do Concello de Quiroga organiza diferentes campionatos en todos os pubs da vila, con esta actividade xuvenil téntase ofrecer a poboación máis nova un xeito diferente de disfrutar das festas do Nadal.

Os campionatos darán comezo o xoves día 23 no pub Tic-Tac no que se disputarán partidas de Mus. O domingo 26 terán unha cita no pub RUXE-RUXE os amantes do póker; o luns dia 27, e no pub Bunny, disputarase o de tute; o martes 28 no pub KATA terá lugar o de futbolín; o xoves día 30, o de Criquet no pub Goya, os campionatos rematarán o día 5 de xaneiro no disco-pub Yoya co de futbolín.

Todos os campionatos darán comezo a partir das once da noite agás o do día 5 de xaneiro que comezará as doce. As inscripcións deberán de facerse momentos antes de que dé comezo o campionato en cada local.

Os premios consistirán nunha cea para dúas persoas no bar Andaluza para os primeiros clasificados. O segundo un vale de 20 euros para gastar na tenda Aljayde e os teceiros levaranse unha cesta con productos típicos do nadal. 

3 dic. 2010

PRESENTACION DO PROXECTO DE CONSTRUCCIÓN DUN NOVO CENTRO POLIVALENTE NA ZONA DA RIBEIRA

Coa adquisición dos terreos ven de culminarse un longo proceso que o Concello de Quiroga iniciou para facerse coa propiedade dos terreos colindantes co campo da festa da Ribeira.

Esta mañá tiña lugar a presentación do proxecto de construcción dun edificio Polivalente nesta zona.

O rexedor local, Julio Alvarez, xunto a corporación municipal explicáballe aos pedáneos dos barrios da parroquia de Hospital cal vai a ser a finalidade deste centro que nun principio contará con 12 ou 15 postos de traballo directos.

O edificio albergará dentro das súas instalacións 28 habitacións para dar servizo a outros tantos usuarios e no que se contará con profesionais de enfermería, fisoterapia, etc,. Na nova área presentaranse servizos como centro de día e asistencia para maiores, ofrecerase acollida a calquera persoa que poida necesitala durante un certo tempo, como poden ser as mulleres maltratadas, anciáns e os discapacitados aos que as súas familias necesiten deixar ao coidado de alguén provisionalmente.

A futura dotación, disporá tamén dun espazo dedicado a local social onde os veciños da zona poderán realizar aqueles actos ou actividades que desexen.

Nas inmediacións do centro construirase tamén unha pista polideportiva e un parque infantil, en definitiva, contarase cun amplo espazo de ocio para os usuarios. A área dispoñible para a construcción destes espazos é duns 6.000 metros cadrados.

A inversión da obra ascenderá aproximadamentes a uns 700.000 euros, dentro dos cales está incluída a compra dos terreos.

PROXECTO DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA BOCA ABERTA "DETRÁS DA CANCIÓN".

O vindeiro día 8 de decembro, o Concello de Quiroga, acollerá o Proxecto de Dinamización Lingüística Bocaberta “DETRÁS DA CANCIÓN”. Patrocinado pola Xunta de Galicia.

Que é?
Como se compón unha canción de pop? Como se poden aproveitar as novas tecnoloxías para gravala e compartila co resto do mundo? A estas cuestións responde a actividade 'DETRÁS DA CANCIÓN', na que integrantes dos grupos galegos Projecto Mourente e The Homens dan a coñecer a trastenda do proceso creativo. ‘DETRÁS DA CANCIÓN’ enmárcase dentro do programa Bocaberta, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que busca promover a lingua galega entre os rapaces e rapazas, no caso deste obradoiro , a partir de 12 anos.
Esta iniciativa, que conta co apoio da Secretaría Xeral de Medios a través da Rede de Telecentros de Comunicación, quere poñer de manifesto que o galego é un idioma tan válido coma calquer outro para a expresión musical de masas.

Obradoiro de creación musical de 18:00h. a 20:00h. no Telecentro.
Curso de música caseira, con Projecto Mourente . As novas tecnoloxías permiten que calquera persoa se converta en produtor musical sen saír da casa.
Este curso, que se imparte en dúas sesións de 50 minutos de duración cada unha, permitirá aos asistentes coñecer algunhas das ferramentas básicas para gravar unha peza nun ordenador convencional e posteriormente publicala en Internet.

Concerto ás 20:00 no Salón de actos da Casa da Cultura.
Concerto acústico de The Homens e Projecto Mourente. Os integrantes do grupo The Homens farán varias das cancións do seu repertorio, composto integramente en galego. Desde o ano 2004, a banda compostelá editou dous EPs e outros tantos LPs nos que combinan a melodía pop coa furia do punk e os retrousos cantables.

Os rapaces e rapazas interesados, poden realizar as incricións na Casa da Cultura, chamando ao telf: 982435125 ou ben na páxina web: http://www.detrasdacancion.info/.

1 dic. 2010

O CONCELLO INSTALA NOVOS CARTEIS NAS ZONAS AXARDINADAS PROHIBINDO O ACCESO DE CANS

O concello de Quiroga está instalando esta semana uns novos carteis por todalas zonas axardinadas da vila prohibindo o acceso de cans éstas zonas.

Os carteis confeccionados en madeira gravada sustituirán ós actuais de cartón plastificado. Con esta nova sinalización, dende o concello, preténdese concienciar ós veciños de que tanto as zonas verdes como os parques infantís, non son para o uso destes animais e moito menos para que realicen as súas necesidades.

Tamén pretenden recordarlles os donos dos animais que hai unha ordenanza municipal aprobada polo pleno da corporación o 16 de setembro do ano 2003 que regula que os usuarios das vías públicas, parques e xardíns, teñen a obriga de cumprir as indicacións que sobre o seu uso e conservación figuren en indicadores, rótulos e sinais.

En canto ós propietarios dos animais terán a obriga de recoller os excrementos que os mesmos realicen nos xardíns, parques ou vías públicas, o non cumprimento desta normativa esta tipificado na normativa como infracción leve, o que será sancionado con multas de ata 60,10 €; e súa reincidencia con multas dende 60,10 € ata 120,20 €.