28 ene. 2011

O TELECENTRO AMPLÍA OS SEUS SERVIZOS ADAPTÁNDOSE AO USO DE PERSOAS CON NECESIDADES ESPECIAIS E DEPENDENCIAS.

O Telecentro de Quiroga, amplía os seus servizos adaptándose ao uso de persoas con necesidades especiais e dependencias. Esto é posible grazas a que a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria,Turismo e Comercio, a través de Red.es, ainaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa “Tic Tac Galicia”, cofinanciado con fondos FEDER.

Esta iniciativa persegue reforzar con nova equipación os centros públicos para mellorar a accesibilidade á sociedade da información das persoas con discapacidade a través de actividades formativas e do uso da administración electrónica na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Telecentro de Quiroga, co novo equipo instalado, está preparado para dar servizo aos veciños e veciñas con distintas discapacidades físicas e sensoriais.

O CONCELLO DE QUIROGA CONTINÚA COS PREPARATIVOS PARA A XI MOSTRA DO ACEITE.

A comisión organizadora da XI Mostra do Aceite de Quiroga, que se celebra o día 20 de marzo de 2011 no muíño de Aceite de Bendilló, mantivo unha nova xuntanza o mércores desta semana para continuar cos preparativos do evento.

Entre as novidades previstas para este ano hai que destacar que se recupera a cata dos aceites participantes, como xa se realizara en edicións anteriores. Na mesma participarán expertos restauradores e xente allea ao mundo da cociña; terá lugar a mesma mañá da Mostra, na Capela das Farrapas emprazada no recinto feiral.

Tamén se fixou o prazo de inscrición para os colleiteiros que desexen participar na mostra, este estará comprendido entre ó 31 de xaneiro e ó 7 de febreiro.

Como nas edicións anteriores mediante un bando comunícaselles aos interesados, ademais do prazo para anotarse, os requisito que deberán cumprir para poder participar:
-Deberán ter unha colleita mínima de 200 l. de aceite.
-Aboar a cantidade de 100 €, ou ben facilitar a cantidade equivalente en aceite.
-Achegar as mostras da súa produción para a súa análise e someterse aos controis que a Comisión Organizadora estime oportunos.
-A comisión organizadora recollerá mostras ao azar para a súa cata o día da Mostra.
A selección dos participantes, xa que as prazas son limitadas, farase tendo en conta o seguinte criterio:
1.-Rigoroso orde de inscrición nas oficinas municipais.
2.-O resultado aceptable do análise químico e organoléptico que determinará o laboratorio especializado que se dispoña.

26 ene. 2011

VIII CERTAME DE CARTAS DE AMOR "VILA DE QUIROGA"

O Concello de Quiroga, dende a Oficina de Xuventude, organiza o VIII Certame de Cartas de Amor “Vila de Quiroga” 2011.
Todas as persoas que desexen participar deberán escribir unha ou varias cartas que teñan por tema principal o sentimento do amor, a extensión máxima destas cartas será de dous folios mecanografados por unha soa cara e poderán estar en galego ou castelán.
Os datos do autor/a, así como a súa dirección e o seu teléfono, presentaranse dentro dun sobre pechado indicando o título da carta e a categoría na que participa no exterior deste. As categorías son:

a) Cartas non locais (remitidas por persoas non domiciliadas neste Concello). Os premios desta categoría serán tres placas conmemorativas e máis tres detalles.
b)Cartas locais (para veciños de Quiroga); premiadas cunha placa conmemorativa e un detalle para cada subcategoría.
  • Infantil (menores de 12 anos)
  • Xuvenil (de 13 a 18 anos).
  • Senior (de 19 a 35 anos).
  • Dourada (de 35 anos en adiante).
Os traballos pódense enviar por correo, entregar persoalmente na Oficina de Información Xuvenil (rúa Real, nº 52, 27320 Quiroga) ou na Casa de Cultura (rúa Xardíns s/n, 27320 Quiroga). A data límite é o 14 de Febreiro do 2011 e o fallo do xurado será inapelable. Comunicaráselles aos gañadores a data fixada polo Concello para a entrega dos premios e os seus traballos quedarán en propiedade do Concello para as publicacións de “Cartas de amor, Vila de Quiroga”.

21 ene. 2011

O CONCELLO DE QUIROGA DEFENDE A PRODUCCIÓN DO ACEITE DE QUIROGA FRONTA A POSIBLES FRAUDES.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, fronte a continua aparición de novas relacionadas coa a producción e promoción do denominado “aceite de oliva de Galicia” obtido a base dunha mestura de olivas procedentes de oliveiras autóctonas cultivadas en distintas partes de Galicia; quere advertir aos consumidores e potenciais consumidores deste produto, do posible fraude que está a cometer a empresa Invatia que o comercializa baixo o nome de “Olei”, tendo en conta os seguintes motivos:

-Na súa promoción estanse a autodefinir como inventores da producción do aceite de oliva en Galicia, cando nas terras de Quiroga, único lugar onde pode demostrarse a existencia dunha variedade de oliva autóctona de Galicia (con máis de 500/600 anos); e sempre estivo presente a producción de aceite, con altos e baixos ao longo da historia. Unha historia, que nos últimos dez anos, volve a coller novos folgos grazas ao impulso da Administración Local que potenciou, en colaboración cos colleiteiros a investigación, a elaboración e a promoción deste producto singular. Unha boa proba son as dez edicións da Mostra do Aceite de Quiroga que se celebra todos os anos no muíño de Bendilló e que dende o ano 2009 o Concello de Quiroga acadou o rexistro oficial da marca Aceite de Quiroga.

-A firma Olei que trata de introducirse no mercado, fala dunha producción inicial de 5.000 litros de aceite galego, referíndose ao seu produto, como si fora o único aceite de producción galega. A esto hai que sumarlle que están faltando á verdade cando falan de aceite de Galicia ou aceite autóctono de Galicia obtido da oliveira autóctona galega porque hai que ter en conta que segundo consta no Concello de Quiroga, polas investigacións realizadas a única variedade de oliveira que pode considerarse autóctona de Galicia é a cultivada tradicionalmente nas terras do Val do Sil ao seu paso polo Concello de Quiroga e que nada ten que ver coas variedades que se están a plantar na actualidade en varias zonas de Galicia, procedentes doutas comunidades autónomas.

É coñecido que os Reis Católicos, para favorecer a outros territorios, prohibiron a producción de aceite en Galicia e ordenaron arrincar as oliveiras que existían, naquela época, en numerosas zonas da actual Comunidade Autónoma de Galicia; compre indicar que estas eran as verdadeiras plantas da variedade autóctona galega. Segundo se indica en numerosos estudios, a zona de Quiroga, mantívose ao marxe do real edicto en boa parte polo illamento xeográfico deste territorio.

-A empresa Invatia, productora do aceite Olei iniciou unha campaña para intentar comprar oliva de Quiroga posiblemente para intentar xustificar a promoción que fan do seu produto. O Concello de Quiroga está a elaborar un censo de oliveiras no seu territorio para garantir a calidade do aceite que se comercializa baixo a denominación de “Aceite de Quiroga”; tendo en conta este control que se exerce para unha producción tan exclusiva e limitada, non consta que esta empresa adquirira unha cantidade de oliva suficiente para chegar ao número de litros que anuncian. Para demostrar que non están enganando aos seus consumidores deberían poder certificar cando, e sobre todo de onde sacan a materia prima para facer o seu aceite; o Concello de Quiroga fai constar que non é posible que unha cantidade semellante de oliva ou aceite fora vendida a unha marca foránea.

20 ene. 2011

CURSO DE CONDUCIÓN EFICIENTE E ECONÓMICO

O concello de Quiroga solicitou a Fundación Sotavento Galicia a realización dun curso de condución eficiente.
O obxectivo deste curso é realizar un uso máis racional dos nosos vehículos, fomentando un novo estilo de condución dos turismos, co que se obteñen diminucións medias no consumo de combustible de ata o 15%.

O curso, totalmente gratuíto, está dirixido a todos os conductores interesados en conducir de xeito eficiente e económico.

Os interesados na realización do curso deben anotarse no concello antes do día 3 de Febreiro.

19 ene. 2011

O PATRONATO DE TURISMO DA PROVINCIA DE LUGO NOVAMENTENTE NA FEIRA INTERNACIONAL DO TURISMO EN MADRID (FITUR)

Hoxe mércores 19 de xaneiro dá comezo unha nova edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR). O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra participará ao igual que nos últimos catro anos, cunha destacada presenza no espazo dedicado a Galicia na feira.

Ademais do novo material de información recintemente editado como a guía, o plano, ou a nova colección de postais, comenzarán a distribuirse mostras do que será o merchandising oficial da Ribeira Sacra e que se porán a venda en diferentes puntos da zona nos próximos meses.

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL) levará á Feira Internacional de Turismo (Fitur) a cuarta edición da guía ...E para comer, Lugo. Por segundo ano consecutivo, a presentación desta publicación suporá o inicio da programación que desenvolverá o pavillón dedicado a Galicia.

No acto, que está fixado para as 15.30 horas, tamén se dará a coñecer o Patronato de Turismo da provincia de Lugo. Intervirán o presidente da entidade, Julio Álvarez; o presidente da APEHL, José Francisco Real Castro; a secretaria xeral para ou Turismo, Carmen Pardo; e o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; así como o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro. Apoiarán o encontro a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o alcalde de Lugo, José López Orozco, e outros alcaldes da provincia. Ademais espérase a presenza de personaxes como Jenaro Castro, Julia Otero, Jorge Coira, Luis Tosar, Liborio García, Silvia Jato, Marta Rivera da Cruz, Fiorella Faltoyano, Fernando Ónega e José Ramón Ónega, que foron invitados á presentación.

Tras promocionar as comarcas lucenses, as festas populares e as rutas xacobeas, nesta nova entrega a guía realiza un percorrido polos «67 paraísos», é dicir, os concellos da provincia. O libro será trilingüe, con formato revista e moi gráfico. Ten unha tirada de 15.000 exemplares.

O DIRECTOR DO IGVS,JOSÉ BONÉ, VISITOU AS VIVENDAS DESAFECTADAS DOS MESTRES

Onte o rexedor local, Julio Álvarez recibía a visita do director do Instituto Galego de Vivenda e Solo,  José Boné Pina. O Concello de Quiroga establecerá un convenio con este departamento co fin de construír un grupo de vivendas sociais no espazo que ocupa o conxunto das antigas casas de mestres do colexio público de educación infantil e primaria, desocupadas desde hai moito tempo, que xa foron cedidas no seu momento ao municipio pola Consellería de Educación. Aínda que nun principio o goberno local suxeriu ao IGVS a posibilidade de rehabilitar este conxunto, formado por sete vivendas, non é seguro que vaia conservarse a edificación orixinal e posiblemente se decida derrubar estas antigas vivendas e aproveitar os terreos para construír outras novas casas, que ata poderían ser máis numerosas que as actuais.

José Antonio Boné indicou que a redacción do proxecto levarase a cabo nos próximos meses, nun prazo que aínda non se determinou. Tamén comentou que todavía non se precisou que orzamento podería destinar a Xunta para a realización deste proxecto.

O goberno local, así mesmo, solicitou ao IGVS que estude a posibilidade de ampliar o polígono industrial quirogués, duplicando a súa superficie urbanizada actual. Os terreos nos que se pretende realizar a ampliación xa son actualmente de titularidade municipal.

A intención do Concello é que a superficie urbanizada se amplie o suficiente para atender a demanda existente. O goberno municipal considera necesario tomar esta medida porque xa están vendidas todas as parcelas dispoñibles no polígono, aínda que non todas están edificadas.

18 ene. 2011

EXPOSICIÓN DE POESÍA VISUAL DO COLECTIVO AMÁRGAMA NO MUSEO ETNOGRÁFICO DE QUIROGA

Desde a Oficina de Xuventude do concello de Quiroga, organizouse en colaboración co grupo Amárgama a exposición titulada Poesía Visual,  na sala de exposición temporais do Museo Etnográfico de Quiroga.

A inauguración desta mostra tiña lugar onte ás 13:00 horas e os traballos permanecerán expostos ata o 28 de febreiro; pódese visitar todos os días en horario de 12 a 14 h.

A inauguración estivo a cargo do rexedor local, Julio Álvarez e a concelleira da Área Social, Ana Nuñez.

As obras conteñen ilustracións de Roberto Rodríguez e Rocío Yuste e fotografías de Beatriz Trincado, Gemma R. Quintana, Blanca Rodríguez, Rocío Yuste e Manuel Valcárcel, ademais das poesías dos compoñentes e colaboradores do Grupo de Poesía Amárgama.

Este colectivo poético naceu en Monforte no verán de 2007. A súa idea principal é a difusión cultural, para o que publican revistas co mesmo nome; Amárgama, no que participan poetas de toda a comarca e xa levan catro números, podénse consultar na web do grupo:

http://amargama.foroactivo.com/

13 ene. 2011

OS TRABALLOS DO PROGRAMA DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA "PALABRAS NO AR" DOS ALUMN@S DO CEIP E DO IES DE QUIROGA NA INTERNET

Os días 11 e 12 de xaneiro tiña lugar na casa da cultura o programa de dinamización lingüística “Palabras no Ar” patrocinado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración do Concello de Quiroga.

Nestes obradoiros participaron alumnos do CEIP e do IES de Quiroga, que desenvolveron estratexias lúdicas e creativas para fomentar o uso do galego como vehículo de comunicación.

Estes obradoiros de escrita e creativa tiveron como eixo motivador uns contos e adiviñas nos cales se potenciou a imaxinación e a creatividade dos rapaces. Un feixe de refráns do lobo, do monte e da neve que a imaxinación dos máis pequenos transformou nun enredo de adiviñas.

Os traballos realizados estes días polos rapaces do colexio e o instituto, podedelos ver na páxina web http://www.palabrasnoar.org/. En vindeiros días os traballos feitos polos alumn@s serán retransmitidos pola Radio Municipal de Quiroga.

12 ene. 2011

A LUDOTECA DE INVERNO RETÓMASE TRALO PARÓN DE NADAL

A área de Educación Social do concello retomou onte o servicio de Ludoteca para os nenos e nenas de 3 a 12 anos, tralo parón das festas de Nadal na que foi sustituida pola Ludoteca de Nadal.

Esta prestación terá lugar todos os martes e xoves de cada semana ata o vindeiro mes de xuño, agás nas vacacións de Semana Santa nas que se ofrecerá un servizo especial.

Estas actividades impartense polas tardes na casa da cultura en horario de 17 h a 18 h para os nenos de 3 a 4 anos, dende as 18 h ás 19 h para os de 5 a 8 anos e dende ás 19 ás 20 para os rapaces de 9 a 12 anos.

11 ene. 2011

ACTIVIDADE DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA "PALABRAS NO AR" NA CASA DA CULTURA DE QUIROGA.

Os días 11 e 12 de xaneiro desenvólvese na na Casa da Cultura de Quiroga o programa de dinamización ligüística “Palabras no Ar” patrocinado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os obradoiros de escrita e oralidade corren a cargo de persoal especializado da editorial Kalandraka e están destinados a alumnos e alumnas de primaria e secundaria que, no caso de Quiroga, participan gracias á colaboración do CEIP e do IES .

En canto aos obradoiros, pretenden desenvolver estratexias lúdicas e creativas para fomentar o uso do galego como vehículo de comunicación. Os exercizos do obradoiro de escrita creativa terán como eixo motivador a elaboración dun conto para favorecer a creatividade e potenciar a imaxinación dos asistentes.

As actividades desenvolvéronse esta mañá para os alumnos de primaria dende as 10:30 ata as 11:45. Mañá día 12 volverán no mesmo horario os alumnos do CEIP de 5º e 6º de Primaria, e dende ás 10:30 ata as 12:30 farano os de 1º e 2º de ESO.

3 ene. 2011

ESTA TARDE OS REIS MAGOS VISITAN QUIROGA

Hoxe pola tarde está previsto que visiten Quiroga as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.

A primeira parada será na Casa do Concello a partir das 6 da tarde onde lle entregarán agasallos aos nenos das familias mais desfavorecidas. De seguido farán unha visita aos maiores da Residencia da 3ª Idade, onde lles entregarán agasallos traídos de Oriente.

Sobre as 19:30 h e sempre que as condicións climatolóxicas o permitan os Magos de Oriente subirán as súas engalanadas carrozas acompañados dos paxes que os agardarán na rúa Quiroga de Arxentina, para percorrer a rúa Real ata o Auditorio Municipal, onde serán recibidos polas autoridades locais e por todos os nenos que lle poderán lembrar cales foron as súas peticións para esa noite. No caso de que tivera que suspenderse o desfile os Reis Magos desprazaranse directamente as instalacións do Auditorio Municipal.

Como remate da xornada terá lugar unha festa infantil no albergue municipal.