16 may 2011

COMEZA A RESTAURACIÓN DO RETABLO MAIOR DA IGREXA DO HOSPITAL

A igrexa parroquial do Hospital vai continuar cos seus traballos de restauración. Nesta ocasión vaise traballar na do retablo maior.

A súa restauración, presupostada en 28 792 €, foi tramitada pola asociación San Bartolomé do Hospital a través do GDR Ribeira Sacra, do que é presidente o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.

O retablo maior da igrexa do Hospital é de estilo barroco, de finais do século XVII ou algo posterior. A súa estrutura cobre toda a bóveda e é dunha gran riqueza artística, xa que se poden atopar diferentes elementos e técnicas. As columnas son estriadas en forma de ondas e teñen capiteis corintios. A súa ornamentación de tallas vexetais repítese en toda a obra así como as diferentes grilandas de froitas. É dourado e policromado en distintos tons verdes, azuis e terras.

O seu estado de conservación está bastante deteriorado: perda do volume das pezas que o compoñen, as cores primitivas da capa pictórica moi escurecidas, restos de cera por toda a obra, instalación eléctrica cravada na estrutura de madeira...

Co presuposto de preto de 30 000 €, que correrá a cargo do GDR Ribeira Sacra  cunha achega da propia parroquia, realizarase a fixación da policromía. Posteriormente, procederase á eliminación de elementos eléctricos que deterioran o soporte e revisaranse as ancoraxes. A consolidación da madeira será o seguinte paso, mediante a inxección ou a impregnación de resinas acrílicas. Ademais reconstruiranse os volumes perdidos. Para devolver a luminosidade das cores empregadas en orixe realizarase unha limpeza química a base de diferentes disolventes. Finalmente, a protección con vernices de resinas de orixe sintética protexerá a obra de posteriores agresións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario