2 may 2011

NOVA INVERSIÓN PARA A AREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL DE QUIROGA

O Concello de Quiroga asinou un convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e co ministerio de Fomento que suporá a inversión de 1.250.000 € para realizar diversas intevenciones de mellora na área de rehabilitación integral da vila (A.R.I.), que comprende as zonas da Praza Maior e Pacios de Mondelo. O convenio, asinado o venres polo alcalde, Julio Alvarez, terá vixencia ata o ano 2014. Destas axudas, unha parte destinarase a financiar a mellora dos espazos públicos e os equipamentos urbanos nesta parte da vila e o resto será para realizar 22 actuacións en vivendas particulares.

O rexedor, por outra banda, afirmou que a recuperación de vivendas na área de rehabilitación está a funcionar «a pleno rendemento» e que o proxecto acabou por ter unha gran aceptación entre os veciños da zona, aínda que nun principio puido espertar certas reticencias.

Tras a firma deste convenio, en breve abrirase o prazo para presentar solicitudes, do que se informará dende a oficina que funciona no Centro de Formación Ocupacional Pía Páxaro.

En canto as vivendas atenderase prioritariamente a mellora das condicións de habitabilidade e ós elementos comúns das edificacións como tellados, fachadas, ascensores e accesos para minusválidos.

Os requisitos esixidos para optar a estas axudas son que as edificacións ou vivendas deberán ter uso residencial unha vez finalizadas as actuacións. Ademais os inmobles deberán ter unha antigüidade mayor de dez anos, agás cando se trate de adaptacións para uso de persoas con discapacidade.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os propietarios, titulares ou arrendatarios das vivendas cando constitúan o seu domicilio habitual e permanente; e os titulares de vivendas desocupadas sempre que a solicitude leve aparellado o compromiso de ocupalas ou arrendalas.

O primeiro paso para optar estas axudas é presentar unha solicitude na oficina situada no Centro de Formación Ocupacional, para que se realice unha inspección técnica previa ó inicio das obras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario