22 jun 2011

PUBLICADA A PROGRAMACIÓN CULTURAL PARA O VERÁN

O Concello de Quiroga vén de sacar á rúa a programación cultural para os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. As actividades aquí recollidas son o resultado do traballo realizado polo Concello de Quiroga coa coordinación entre os distintos servizos municipais encargados cada un deles dun sector poboacional: muller, xuventude, educación, infancia e terceira idade.

Así nos meses de verán, obradoiros, teatro de rúa, animación infantil e actividades lúdicas e deportivas conforman a actividade deste trimestre. Cabe salientar os campamentos de verán para os nenos e as nenas en idades comprendidas entre os 4 e os 12, que se desenvolverán de luns a venres, entre as 10.00 h e as 14.00 h, en distintas instalacións municipais e que inclúen actividades artísticas, deportivas e formativas. Ademais do carácter lúdico-deportivo, os cursos de verán teñen como obxectivo facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. Esta actividade conta coa colaboración da Consellería de Educación a través do Programa de Apertura de Centros Escolares fóra de horario lectivo.

Nesta programación a música, en todos os seus estilos, ocupa un lugar importante con numerosas actuacións ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. Así dende xuño a setembro teñen lugar 12 actuacións do programa Música na Rúa, que leva moitos anos funcionando con éxito. Por outra banda, haberá concertos para a xuventude cos grupos xuvenís UTOPÍA, SANTA COMPAÑA E LETAL CHAINS.

As FESTAS DE VERÁN, con actuacións folclóricas, animación infantil, teatro de rúa e actuacións musicais de distintos estilos etc. contribuirán a complementar os moitos atractivos turísticos de Quiroga como lugar de vacacións para toda a familia.

Por outra banda, a promoción de produtos típicos, que está presente no Concello de Quiroga ao longo de todo o ano, enxalza neste tempo o mel, que será o protagonista na celebración da XX MOSTRA DO MEL DE QUIROGA o vindeiro día 10 de agosto.

Polo que respecta ás actividades deportivas hai que destacar a ruta polo val de Quiroga en mountainbike, o campionato de baloncesto 3x3, o torneo de tenis, o torneo “Futsal Cup” e o sendeirismo e as rutas pola natureza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario