25 nov 2011

O C.I.M. PLANTARÁ UNHA ÁRBORE COMO HOMENAXE AS VÍTIMAS DA VIOLENCIA DE XÉNERO

O Centro de Información á Muller organizou varios actos para conmemorar o día 25 de novembro, día da non violencia contra a muller. O último dos actos organizados con este motivo terá lugar esta tarde e consistirá na plantación dun magnolio.

Esta árbore, que se plantará na zona verde inmediata ao Colexio de Educación Infantil e Primaria de Quiroga, será unha homenaxe en recordo das vítimas da violencia de xénero.

O acto, no que tamén se lerán unhas verbas de rexeitamento desta lacra social, terá lugar a partir das cinco e media da tarde.

23 nov 2011

40 SOCIOS DO CENTRO SOCIAL COMENZAN ESTA TARDE UN CAMPIONATO DE TUTE

O Centro Social comenza esta tarde un campionato de tute cun total de 20 parellas inscritas. A participación é a máis alta de todos os campionatos celebrados ata hoxe, chegando a 40 persoas das que 23 son homes e 17 son mulleres. Aparte das 20 parellas tamén hai otra parella en situación de reserva por si houbera algunha incidencia no momento do inicio do campionato.

Apartir das catro da tarde comeza o campionato, unha vez que se fagan mediante sorteo os primeiros enfrontamentos. E arredor das 19:00 h. cando rematen as primeiras eliminatorias, o centro social convida a todos os participantes a un viño español.

O campionato continuará mañá xoves e o venres, sendo éste último para as finais onde se proclamará parella campiona e sucampiona, así como o 3º e 4º postos.

Os agasallos para os gañadores do campionato están expostos no bar do Centro Social. No caso de rematar o torneo o venres día 25, tal e como está previsto, os gañadores poderán recoller os premios o sábado día 26 a partir das cinco da tarde.


22 nov 2011

ACTOS PARA CONMEMORAR O DÍA DA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER

O Centro de Información á Muller organizou varios actos para conmemorar o día 25 de novembro, día da non violencia contra a muller.

Un destes actos foi unha sesión de contacontos que se desenvolveu no día de onte. Os primeiros en poder disfrutar desta actividade foron os alumnos e alumnas de educación infantil do CEIP de Quiroga. Pola tarde os alumnos de primaria e secundaria serían os que participaban desta actividade.

Outra das actividades organizadas para esta conmemoración foi un concurso de artes plásticas titulado “Exprésate contra a violencia”.

A entrega dos premios deste concurso farase esta tarde na sala de exposicións da casa da cultura, a partir das seis da tarde. Os traballos presentados éste concurso poderanse ver precisamente nesta sala de exposicións dende ese momento ata o 25 de novembro.

O último dos actos organizados con este motivo é a plantación dunha Magnolia. Este acto terá lugar o venres, a partir das cinco e media da tarde nas inmediacións do Colexio de Educación Infantil e Primaria.

21 nov 2011

AMPLA PARTICIPACIÓN NUNS COMICIOS NOS QUE OS POPULARES SEGUEN SENDO A OPCIÓN MAIORITARIA

Quiroga é o segundo municipio máis popular do sur da provincia de Lugo, ao acadar o 68,5% dos votos emitidos na xornada de onte. O PP foi a opción elexida pola maioría dos quirogueses, concretamente por 1.678.

A participación nestes comicios foi alta, dun 76,79%, o que se traduce en que 2.485 quirogueses acudiron ás urnas, nunha xornada sen incidencias, para exercer o seu dereito a voto nestas eleccións xerais. Do total de votos acadados 1.678 foron para o Partido Popular; 546 para o PSOE; 161 para o BNG; 14 para UPyD; 32 para UP-Os Verdes; 6 para outras formacións. Ademáis houbo 11 votos en branco e 37 foron nulos.

No municipio de Quiroga unha vez máis constituíronse sete mesas electorais: na mesa situada en Vilar de Lor votaron os veciños censados no Lor Alto e no Lor Baixo. Dun censo de 301 veciños emitíronse 230 votos, un 76,41%; deles 167 para o PP, 43 para o PSOE; 12 para o BNG; 3 para Os Verdes e 5 votos foron nulos.

Na mesa de Sequeiros, cun censo de 251 votantes, exerceron este dereito 202, o que supón un 80,48%. Nesta mesa o PP acadou 159 votos, o PSOE 30; e BNG 6; e outras formacións 5. Ademais houbo dous votos nulos.

Na mesa de Montefurado, cun censo de 239 votaron 173, un 72,38%; destes 124 foron para o PP; 29 para o PSOE; 12 para o BNG; 5 para outras formacións. Houbo tamén e votos nulos.

Na mesa situada na Casa da Cultura, que acollía os veciños das parroquias da Ermida e do Nocedo, dun censo de 221 votaron 176, un 79,64%: destes votos 119 foron para o PP, 40 para o PSOE, 11 para o BNG; 6 para outras formacións.

Na primeira mesa do Centro Social, na que votaban os veciños censados na parroquia de San Martiño con apelidos comprendidos entre o A e o J, dun censo total de 672 recibiu 496 votos, un 73,81%. Por partidos políticos, o PP acadou 327, o PSOE 111, o BNG 38, 13 votos foron para outras formacións políticas. Tres votos foron nulos e 4 en branco.

Na segunda mesa situada no Centro Social, onde votaban os apelidos dende o J ata o Z, a máis numerosa de todas, cun censo de 922 acadáronse 706 votos, o que supón un 76,57%. Nesta mesa o PP acadou 464 votos, o PSOE 155, o BNG 57, e 12 foron para outras formación. Ademáis contabilizáronse 13 votos nulos e 5 en branco.

Finalmente, na mesa situada na escola de Santa Cubicia, onde votaron os veciños comprendidos entre as parroquias do Hospital e A Seara, cun censo de 630 persoas, recolleu un 79,68%, 502 votos. O PP acadou 318, o PSOE 138, o BNG 25, e 8 foron para outras formacións ademais de 11 nulos e 2 en branco

18 nov 2011

3.236 QUIROGUESES PODERÁN VOTAR NAS ELECCIÓNS XERAIS DESTE DOMINGO

O domingo celébranse unhas eleccións xerais nas que están chamados ás urnas 3.236 quirogueses, que serán os que elixan os deputados e senadores que despois elexirán, á súa vez, ao presidente do goberno por un período de catro anos.

Sete mesas electorais deberán quedar constituídas ás nove da mañá cos seus correspondentes presidentes e vocais para que os veciños maiores de 18 anos poidan exercer o seu dereito a votar ata as oito do serán, momento no que se pecharán oficialmente as mesas.

Na mesa A do Centro Social poderán votar 672 persoas, na mesa B, 922. En Santa Cubicia poderán exercer este dereito 630 veciños e en Soldón, 251. 239 poderano facer en Montefurado e 301 en Vilar de Lor. Finalmente, 221 votantes poderán depositar o seu voto na Casa da Cultura.

QUIROGA ACOLLE UNHA ETAPA DA VOLTA A GALICIA DE COCHES CLÁSICOS E UNHA CONCENTRACIÓN MOTEIRA

Quiroga acollerá durante este mes de novembro unha etapa da volta a Galicia de automóviles clásicos e unha concentración de motos de carretera.

O sábado día 19, a VIII edición da volta a Galicia de Automóviles Clásicos, organizada pola Escudería de Clásicos de Ourense, fará un recorrido por estradas comarcais e locais, facendo un reagrupamento de 20 minutos en Quiroga. Este reagrupamento terá lugar sobre a unha da mediodía no aparcamento de autobuses do colexio. Estes vehículos que respetarán en todo momento as normas de circulación ao moverse por vías abetas ao tráfico, non superarán os 50Km por hora, e chegarán a Quiroga procedentes de Seoane do Caurel.

O seguinte sábado día 26 de novembre, quen chegará a Quiroga será a primeira concentración de motos de carretera da asociación veciñal Piño Santa Bárbara. Esta concentración composta por unhas 40 motos, sairá ás catro da tarde dende a Pobra de Brollón, e tras recorrer Bóveda, O Incio e Folgoso do Caurel, chegará a Quiroga.

15 nov 2011

QUIROGA ACOLLE O PROGRAMA DEPORTIVO "NON TE RETIRES VOLTA A XOGAR"

A área de deportes do Concello de Quiroga e a Deputación Provincial de Lugo organizan un programa deportivo de actividade física para a xente maior.

O programa denominado “Non te retires volta a xogar” terá lugar os mércores a partir das seis da tarde no centro social. Este programa  comezará o mércores 16 de novembro. 

Durante as sesións, que serán de duas horas, traballarase a flexibilidade, a resistencia (mediante un exercicio de baixa intensidade pero sostido no tempo) e o fortalecemento e tonificación da musculatura máis precisa no día a día. Este programa pretende ademais atender as necesidades cognitivas deste colectivo, mediante a interactuación e a implicación dos participantes, como xeito de prevención dos problemas de illamento e falta de estímulos.

10 nov 2011

XUVENTUDE ORGANIZA UN CURSO DE ACHEGAMENTO A INTERNET 2.0

Dende a Oficina de Xuventude do Concello de Quiroga organízase para este mes de novembro un curso de achegamento a internet 2.0.

Este curso, impartido por un técnico entendido na materia, comezará o luns día 14, e terá lugar os días 14, 16, 21, 23 e 28 de novembro de 20:00h. a 22:00h. na aula Cemit da casa de cultura.

Os contidos do cursiño serán o correo electrónico, as redes sociais, os blogues,  as aplicacións online e a imaxe.

O custo do curso por persoa é de 10 € e para poder asistir hai que ter desenvoltura co ordenador, manexo do ratón, teclado etc.

Para anotarse pódese chamar ao teléfono 982435125 ou pasar pola casa de cultura.

A CASA DE CULTURA ACOLLE O SÁBADO UN TALLER DEMOSTRACIÓN DE BONSAIS

A Casa da Cultura de Quiroga acollerá o vindeiro día 12, sábado, un taller demostración de bonsais a cargo de José Antonio Peña Alonso.

Os traballos a realizar nesta sesión consisten no modelado e transplante dunha peza comercial para conseguir un estilo “Balsa” e tamén se realizarán demostracións dos traballos de mantemento e pinzado de exemplares.

Ademais do obradorio, que se desenvolverá entre as 11:00h. e as 14:00h.; poderase ver unha miniexposición de exemplares moi interesante.

As persoas amantes deste arte, poden participar gratuítamente neste taller e resolver as posibles dúbidas que teñan no cuidado dos seus exemplares que poden traer para realizar as consultas os integrantes do taller.

Esta actividade, organizada pola área de Cultura do Concello de Quiroga, conta coa colaboración do “Grupo de Aficionados ao Bonsai Val de Lemos”.

8 nov 2011

QUIROGA TRABALLA PARA ACADAR UNHA "DENOMINACIÓN ESPECÍFICA" PARA O ACEITE

A Comisión formada por olivareiros e un enxeñeiro agrícola que no seu día fixou as condicións esixidas para poder facer uso da marca Aceite de Quiroga, reuniuse novamente na tarde de onte na casa consistorial. Desta comisión tamén forma parte agora o biólogo e profesor de Ciencias Naturais do Instituto de Educación Secundaria de Quiroga, José Espinosa.

A Comisión que fixara no seu día os requisitos de producción, elaboración e comercialización que se lles esixen os productores para acollerse ésta marca, tenta agora poder chegar a acadar unha denominación específica, máis adsequible que unha denominación de orixe.

Esta comisión creouse para supervisar que quenes usen a marca Aceite de Quiroga, cumpran uns requisitos tanto na producción e na elaboración como na comercialización do aceite; así como para regular e ordenar as plantacións de oliveiras.

O aceite elaborado pasará unha serie de controis que certifiquen a calidade do producto, como análises organolépticas, físico-químicas e bacteriolóxicas. A comisión trata agora de definir os parámetros destas análises para que só poida levar o nome de aceite de Quiroga aquel que entre dentro destes parámetros, o que garantizaría que a materia prima procede íntegramente da nosa zona, que o aceite está elaborado dentro do noso municipio e con aceitunas das variedades aceptadas pola Comisión, co fin de evitar fraudes e que aceite de fora se poida comercializar co nome de aceite de Quiroga.

4 nov 2011

QUIROGA RECOLLEU 165 KILOS DE ACEITE DE COCIÑA USADO NO PRIMEIRO TRIMESTRE DE FUNCIONAMENTO DO SERVIZO DE COLECTORES PARA ESTE RESIDUO

O concello de Quiroga recibiu os datos do aceite de cociña usado recollido nos colectores que colocou no pasado mes de xullo.

No trimestre que comprende os meses de xullo, agosto e setembro estes colectores recolleron un total de 165 kilos de aceite de cociña usado. Desglosado por meses en xullo recolléronse 50 kilos, os mesmos que no mes de agosto, e en setembro esta cantidade aumentou ata situarse en 65 kilos.

En total o concello de Quiroga instalou catro contenedores para a recollida destes residuos, tres deles están situados na rúa Real e un na rúa Quiroga de Arxentina.

Para utilizar estes depósitos é preciso que o aceite usado se meta en botellas de plástico ben tapadas para que non vertan. Non se poden usar botellas de vidrio, xa que poden romperse ao tiralas dentro do colector.

A utilización destes colectores evita que se teña que eliminar o aceite de cociña usado polos desagües evitando problemas tanto de contaminación, xa que un litro de aceite usado pode contaminar máis de mil litros de auga, como problemas de atascos nas redes de saneamento ou proliferación de pragas e malos olores.

3 nov 2011

O CONCELLO ORGANIZA OS ACTOS PARA CONMEMORAR O PATRÓN DA VILA

A comisión organizadora da festa do San Martiño reuniuse na casa consistorial para rematar de organizar as actividades a desenvolver o día 11 de novembro, día de San Martiño, patrón da Vila.

Este ano os actos están integramente organizados dende o concello, xa que os veciños non se fixeron cargo desta festa tradicional do barrio da praza.

Nesta xuntanza presentouse o programa dunha festa que se centrará no venres día 11. Así os actos comenzarán ás once menos cuarto da maña, cunha alborada a cargo da banda de gaitas San Martiño.

As once da mañá terá lugar a carreira popular, que nesta edición é soamente de caracter local e na que haberá distintas categorías, dende pitufos ata cadetes. A carreira terá a súa saída e a súa meta diante da casa consistorial e o recorrido levará aos participantes pola zona da praza Maior.

Ás doce da mediodía comenzarán os actos litúrxicos, que se iniciarán coa tradicional procesión na que a imaxe do patrón da vila recorrerá a zona da praza Maior.

Á unha e cuarto os actos trasládanse ata a praza, onde o grupo de danzas San Martiño actuará acompañado da banda de gaitas do mesmo nome. Sobre as catro os cativos poderán disfrutas de xogos populares organizados dende a área de educación.

E finalmente a partir das sete da tarde poderase degustar o magosto acompañado de viño novo. A música da noite correrá a cargo do dúo local, Fondo Tropical.