17 feb 2012

A COMISIÓN ORGANIZADORA ULTIMA A SEGURIDADE DO DESFILE DE COMPARSAS

A comisión organizadora do Entroido reuniuse esta mañá na casa consistorial para rematar cos preparativos para esta celebración. Así, o domingo o Concello ten organizado un concurso de disfraces para comparsas e participantes individuais. A reunión centrouse nesta ocasión na seguridade do desfile, xa que acudían membros de Protección Civil, Grumir e Policía Local.

Neste desfile no que poden participar todas as comparsas que o desexen tanto deste Concello coma doutros, integradas por dez membros como mínimo e disfraces individuais, hai cinco comparsas inscritas, aparte de unha que non concursa e varios disfraces individuais, en total máis de 130 participantes.

As comparsas inscritas teñen hoxe, ás oito do serán unha reunión na Biblioteca Municipal, para sortear o posto no que sairán durante o desfile.

Os premios establecidos son un primeiro premio de 500,00 €, un segundo premio de 300,00 € e un terceiro premio de 150,00 €. Ademais cada comparsa participante recibirá 60€ e no caso de disfraces individuais establéceuse un único premio de 60,00 €.

O Xurado estará integrado por un membro de cada comparsa participante que despois de asistir ao desfile valorará a cada comparsa menos á que representa. Valorarase especialmente a orixinalidade dos disfraces, a coreografía e a escenografía.

A saída do desfile terá lugar dende a Rúa das Piscinas, o domingo ás cinco da tarde, continuando pola Rúa Real ata a Casa da Cultura. A entrega de premios terá lugar diante do Concello, no baile de disfraces amenizado polo dúo Fondo Tropical.

Ademáis do desfile de comparsas o concello organizou para o luns día 20, a partir das cinco da tarde, unha gran festa infantil de disfraces, na discoteca Lor.

Aproveitando esta xuntanza a comisión organizadora do entroido recorda a prohibición de uso de material pirotécnico, incluídos os petardos chamados tronos ou morteiros. Toda aquela persoa que a Policía Local vexa tirando este tipo de petardos ou na súa posesión será sancionado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario