24 feb 2012

QUIROGA CELEBRA O DOMINGO A XII MOSTRA DO ACEITE

Quiroga celebra este domingo a XII Mostra do Aceite de Quiroga que se desenvolverá no lugar das Farrapas.
O programa da mostra comenza xa hoxe venres cunha charla sobre o aceite de Quiroga a cargo de José Espinosa Sánchez. Esta charla forma parte do programa “Coñece o teu contorno, aproveita os recursos” e terá lugar na casa da cultura a partir das sete e media da tarde..
Na mostra, que se abrirá o domingo a partir das once da mañá, poderase ver como sempre o funcionamento do muíño no que se realizará unha demostración da elaboración tradicional do aceite, ás once e media.
Media hora máis tarde, no interior da capela das Farrapas, realizarase a cata dos aceites participantes,  na que participarán expertos restauradores e xente allea ao mundo da cociña. Os aceites participantes serán cinco, os presentados por Jesús Bao Mondelo, Inocencio Ogando García, José Manuel López Maseda, Guillermo Nogueira Veloso e Manuel Mondelo Rodríguez.
Na mostra non faltarán as actuacións de música e danza tradicional galega a cargo das agrupacións locais: A banda de gaitas San Martiño, o grupo de Gaitas O Recanto e o grupo de danzas San Martiño. Estas actuacións terán lugar a partir das doce e media da mediodía.

 Durante toda a xornada, no recinto feiral estarán a venda, o producto estrela, o aceite, e productos típicos da nosa zona. O prezo de venda do aceite, mantense como o ano pasado, así a botella véndese a 7 €, e a partir de tres botellas o prezo baixa a 5€.
En canto á seguridade do lugar, este ano a comisión organizadora decidiu que a estrada vella de Montefurado a Bendilló sexa de dirección única en sentido Montefurado. O que obrigará ós visitantes a saír por esta zona, o que lle dará un valor engadido á Mostra do Aceite, xa que os visitantes poderán contemplar as Médulas e o Túnel romano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario