28 mar 2013

A COMISIÓN ORGANIZADORA DA FEIRA DO VIÑO DECIDE INSTALAR UNHA CARPA ANTE A PREVISIÓN DE INTENSAS CHOIVAS


A comisión organizadora da XXXI  Feira do Viño reuniuse onte novamente para continuar perfilando os actos que engloba esta celebración.
Nesta xuntanza, ante os pronósticos de auga para a fin de semana, tomaron  a decisión de instalar unha carpa ao longo da rúa Real na zona que ocuparán as casetas do viño. Esto conleva que o pregón non se dará dende o balcón da casa consistorial como estaba previsto, se non que se trasladará ata o palco da orquestra. Polo demais todo se mantén igual.
Así, o sábado, un pasarrúas a cargo da banda de gaitas San Martiño anunciará o inicio da feira ás cinco da tarde. Ás seis e media inaugurarase o recinto feiral que nesta ocasión estará situado nas inmediacións do concello.
Ás sete os actos trasladaranse ata o Auditorio Municipal, onde actuará a Coral Polifónica, a banda de gaitas e o grupo de danzas San Martiño. Ademais entregaranse os premio do certame de Cartas de Amor Vila de Quiroga, do certame de relato curto e do concurso de debuxo.
Ás oito e media, darase o pregón. O actor Mariano Peña, Mauricio Colmenero na serie Aída, será o pregoeiro da XXXI Feira do Viño de Quiroga. Unha vez remate o pregón terá lugar o concurso de camisetas. Un representante de cada grupo anotado a concurso deberá acceder ao palco do grupo América SL, que amenizará a festa desa noite, para expoñer a súa camiseta diante do público e do encargado de escoller ao gañador, que será o propio pregoeiro da feira, Mariano Peña. O gañador do concurso recibirá un trofeo e 100€ en metálico.
O domingo, ás once da mañá a banda de gaitas “Os do Recanto” farán unha alborada e preto da unha da mediodía faráselle entrega de trofeos aos trece colleiteiros participantes nesta edición. Pola tarde a charanga “Terras do Bibei” poñerá o punto musical.
Durante estes días poderase ver unha exposición de traballos de encaixe de bolillos, na sala de exposicións da Casa de Cultura, organizada pola asociación socio cultural da Comarca de Quiroga.
          No recinto feiral haberá unha caseta de información municipal na que membros de protección civil realizarán novamente controles de alcoholemia preventiva.
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario