8 mar 2013

A CONFRARÍA DO VIÑO DE QUIROGA PRESÉNTASE OFICIALMENTE O 16 DE MARZO

           A Confraría do Viño de Quiroga, oficialmente inscrita no rexistro de asociación da Xunta de Galicia, celebrará o acto oficial de investidura dos seus membros o día 16 de marzo no salón de sesión da Casa do Concello de Quiroga ás 11 h. No transcurso deste acto solemne cada un dos confrades prometerá o seu cargo e será acreditado como membro da confraría cun pergamiño especialmente editado para a ocasión e será investido coa indumentaria oficial composta por capa e sombreiro. Unha vez rematado este acto os confrades dirixiranse á sala de catas do Museo Etnográfico de Quiroga onde terá lugar, a partir das 12 h, a selección dos viños que participarán na XXXI Feira do Viño de Quiroga.
           Os membros da comisión de cata encargados de seleccionar os viños que finalmente participan na Feira do Viño de Quiroga, suxeríronlle ao Concello de Quiroga a posibilidade de dar a este acto un carácter oficial tratando de agrupalos baixo unha asociación legal sen ánimo de lucro que levaría o nome de "Confraría do viño de Quiroga".
           Despois de varias reunións nas que se xuntaron todos os integrantes desta comisión de cata e amparados polo Concello de Quiroga, redactouse un acta fundacional e uns estatutos que finalmente se inscribiron no rexistro da Xunta de Galicia.
           A Xunta Directiva elixida polos 23 membros fundadores (integrantes da comisión de cata) da Confraría do viño de Quiroga está composta polo presidente, dous vicepresidentes, un secretario e un tesoureiro, o resto dos integrantes actúan como vocais.
           O domicilio principal e permanente da asociación radicará na localidade de Quiroga, Sala de Catas do Museo Etnográfico Municipal de Quiroga.
          A existencia desta asociación ten como fins exaltar a importante riqueza vitivinícola de Quiroga, levando o coñecemento do viño a través da cultura.
          Son fins principais desta confraría: -Promover actividades que difundan o viño artesanal de Quiroga, -promover actividades que axuden a entender e mellorar o viño artesanal de Quiroga, tanto nas clases axeitadas de cepas, labores na viña así como na bodega, -promover charlas orientadas as orixes e cultivo das diferentes clases de cepas no mundo como un feito cultural, -estar presentes en calquera acto público onde se distribuía de forma masiva, viño artesanal de Quiroga para garantía de procedencia e bondade. (Viño novo en San Martiño, Feira do Viño en Semana Santa, Festa da Comunidade de Montes…), -promover espazos de encontro que estimulen a creatividade en torno ao viño, -protexer o entorno natural así como preservar os recursos patrimoniais relacionados co mundo do viño etc.
          Cada ano a Confraría celebrará un Gran Capítulo que coincidirá co acto de selección dos viños inscritos para participar na Feira do Viño de Quiroga.
           Os membros da Confraría do Viño artesanal de Quiroga participarán na elección dos viños que se presenten na festa de San Martiño e a festa da comunidade de montes, para garantir a procedencia e bondade do viño, por tratarse de actos públicos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario