9 abr 2014

A TERCEIRA EDICIÓN DO CURSO DE TECIDO EN TEAR CONFECCIONARÁ UN MANTELO

        A Delegación de Cultura do Concello de Quiroga organiza nas instalacións do Museo Etnográfico Municipal de Quiroga o 3º curso de tecido tradicional.
         
Aproveitando a recollida e restauración das pezas empregadas no sector téxtil, levada a cabo dende o ano 2007, ofrécese a posibilidade de aprender os segredos dunha técnica milenaria de forte raizame na zona e que co paso do tempo foi quedando no esquecemento.  

      O curso, de 40 horas de duración, será impartido pola tecedeira de Visuña Carmen Barreiro Díaz.
           
      A data prevista de inicio é o día 5 de maio e desenvolverase dende esta data ata o día 9 de xullo, todos os luns e mércores de 18:30 a 20:30 horas.
         
      O prazo para anotarse neste curso estará aberto ata o día 2 de maio, as persoas interesadas poden realizar a súa inscrición ou informarse na Casa de Cultura de Quiroga (teléfono 982435125). O prezo desta actividade é de 10 € ao mes.


    Nesta nova edición está previsto fabricar unha capa tradicional de pastoreo da serra do Caurel, unha prenda da que só quedan hoxe uns poucos exemplares en mal estado. A pesar de que foron de uso común hoxe en día non é fácil atopar exemplares ben conservados dos chamados mantelos. O museo etnográfico municipal de Quiroga posúe algunhas pezas deste tipo, pero por agora non se mostran ao público, xa que están deterioradas pola couza, remendadas de forma defectuosa e moi destinxidas. Os mantelos confeccionábanse cun tecido especialmente mesto e case impermeable, de maneira que non só protexían do frío senón que tamén eran un resgardo bastante eficaz contra a chuvia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario