22 abr 2014

MULTITUDINARIA UNHA FEIRA DO VIÑO NA QUE SE PRESENTARON UNS VIÑOS EXCELENTES

Quiroga celebrou un ano máis unha multitudinaria Feira do Viño. Ante a posibilidade de chuvascos durante a fin de semana, a comisión organizadora decidiu instalar con bo criterio unha carpa no recinto feiral.
O programa de actos, comezaba o sábado ás seis e cuarto da tarde coa inauguración oficial do recinto feiral. Ainda que dende a mañá xa eran moitas as persoas que se achegaban para probar os primeiros viños da feira. O encargado de cortar a cinta foi o director xeral de desenvolvemento rural, Antonio Crespo Iglesias.
Tras a inauguración os actos trasladábanse ata o Auditorio Municipal, onde actuaba a Coral Polifónica de Quiroga, presentando o seu novo repertorio.
A música e a danza tradicional galega tamén tiveron unha parte destacada coas actuacións da banda de gaitas San Martiño, e dos grupos de danzas Arume da Queiruga e San Martiño.
Os actos no Auditorio Municipal rematarían coa entrega dos premios aos gañadores do certame de Cartas de Amor vila de Quiroga deste ano.


Ás oito e media do serán, chegaría como sempre o momento máis multitudinario da Feira do Viño, cando era case imposible moverse polo recinto feiral. A actriz galega Cristina Castaño, Judith Bécker, na serie de Tele5 La que se Avecina, deu o pregón desta edición, reunindo unha verdadeira multitude. Cristina Castaño naceu en Vilalba, pero criouse en Santiago, e non coñecía Quiroga nin a Ribeira Sacra, pero foise namorada desta zona. O pregón estivo á altura das expectativas e terminou ao grande, demostrando as súas dotes de cantante ademais de actriz, coa interpretación a un tempo do Miudiño por parte da pregoeira e do público. 

          A actriz aseguraba non ter palabaras para resumir a súa experiencia deste fin de semana en Quiroga como pregoeira da Feira do Viño. Xa de volta en Madrid, Cristina Castaño desfacíase en eloxios cara Quiroga e os quirogueses, dos que dixo lle fixeron “un recibimento marabilloso, tanto pola xenerosidade do alcalde como polo cariño da xente en xeral». Palabras parecidas xa as decía diante das nosas cámaras ao remate do pregón.
  
 Tras o pregón desfilaron polo palco os representantes dos participantes no concurso de camisetas. Tras a exposición das camisetas a pregoeira tivo que escoller a gañadora, á que lle entregou un trofeo e 100€ en metálico.

O domingo, a unha menos cuarto, no museo etnográfico, as autoridades políticas que acudían a feira deste ano, facíanlle entrega das medallas aos colleiteiros participantes nesta edición.
A mediodía o recinto feiral voltaba a encherse para seguir disfrutando dos once viños tintos e os once brancos que participaron na feira, e que todos eles recibiran a calificación de excelentes na cata previa á feira.

Antes de emprender camiño de regreso aqueles que nos visitaron estes días e de reposar o corpo tras a festa os quirogueses, voltouse vivir unha animada xornada na que os colleiteiros unha vez máis estiveron satisfeitos coas vendas acadadas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario