23 may 2014

OS LOBOS MATAN 16 OVELLAS NA TARDE DE ONTE EN XESTOSO DE LOR

     Na tarde de onte un ou varios lobos mataron 14 cordeiros e 2 ovellas no pobo de Xestoso do Lor. Outra ovella atópase desaparecida. As ovellas atopábanse nun prado pechado a escasos metros do pobo cando foron atacadas polo animal, supostamente un lobo.
A propietaria dos animais estaba con elas, pero debido a choiva resguardouse baixo un castiñeiro a poucos metros. Dado que o prado no que pacían as ovellas facía pendente preto dun cavorco, a propietaria dende a súa posición non divisaba o rabaño. Cando saiu do seu resguardo para controlar aos animais foi cando se decatou de que lle faltaban moitas dos ovellas, a maioría cordeiros. Cando se puxo a buscalos xa os atopou mortos por entre as xestas.
A propietaria dixo que esta non era a primeira vez que o seu rabaño sofre un ataque do lobo, pero non desta embergadura; xa que hai dous meses un lobo matoulle unha ovella. Tamén confirmou que pola zona xa teñen visto moitos lobos, moitas veces en manadas de tres ou catro.

Tampouco esta é a primeira vez que o lobo ataca os rebaños de ovellas no noso municipio. Hai uns meses, preto da Ribeira de Abaixo o lobo achegouse ata un rebaño que pacía nun prado, tamén a plena luz do día, pero a oportuna chegada dun veciño, evitou o ataque.

No hay comentarios:

Publicar un comentario