10 sept 2014

150 ALUMNOS INICIARON ESTA MAÑÁ O NOVO CURSO NO C.E.I.P. DE QUIROGA

150 Alumnos de educación infantil e primaria comezaron esta mañá o seu curso 2014/2015. O curso que virá marcado pola implantación de Lomce comezou en horario de xornada única (10 da mañá ata 14:30h ou 15:30, si son usuarios do comedor). Un ano máis o alumnado de 40 de Infantil, que comeza no centro por primeira vez entraba en dous turnos o primeiro ás dez da mañá e o segundo sobre as doce da mediodía, nun período de adaptación que se prolongará todo este mes de setembro.
          Co inicio do curso escolar empezaron a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería, "tralas modificacións oportunas que se realizan anualmente para o seu axuste ás necesidades actuais".
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia mantén as axudas para a adquisición de libros de texto en todos os cursos do ensino obrigatorio. Así mesmo, os requisitos de renda per cápita familiar para a obtención das axudas foron os mesmos que nos anos anteriores.
Como novidade este ano poténciase a formación de bancos de libros establecendo a obriga de incorporar, logo de rematar o curso, os libros adquiridos con cargo á axuda a un fondo solidario que se constituirá nos centros, como medida que favorece o establecemento dun sistema de socialización do seu uso.
O CEIP de Quiroga adáptase ás tecnoloxías da información xa que foi un dos selecciónados para o proxecto experimental Educación Dixital durante o curso 2014-2015. Polo que este ano ponse en marcha unha plataforma de contidos curriculares dixitais completos, gratuítos para as familias e accesibles sen necesidade de conectividade. Así, o alumnado matriculado en 5º de educación primaria, non accederá ás axudas para libros, xa que a inclusión neste programa permitiralles ter á súa disposición e de xeito gratuíto unha contorna virtual de aprendizaxe con libros e outros materiais dixitais cos que poderán desenvolver a totalidade do currículo.
A iniciativa, que forma parte do Proxecto Abalar, prevé alcanzar en tres anos a alumnos de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO.

O curso que comezou esta mañá prolongarase ata o venres 19 de xuño do 2015.

No hay comentarios:

Publicar un comentario