16 abr 2015

AS RUTAS DO FERRADAL E DA LAGOA DA LUCENZA A PIQUES DE SER HOMOLOGADAS POLA FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO

A Federación Galega de Montañismo está a piques de homologar duas rutas de Quiroga, unha é a do Camiño do Ferradal entre Rugando e o Soldón, que estreou estes día unha nova ponte, a ponte do Frade. E a outra é unha clásica que non se poden perder os amantes da natureza, a da Logoa da Lucenza na Seara. Xa está todo listo para o recoñecemento como percorrido homologado destas duas rutas.
        O "camiño ferradal" ou da "caleira"  é unha das rutas máis espectaculares que se poden facer nesta zona e a súa combinación co "camiño do Carroceiro" entre Rugando e o Mazo, pasando por Vilarmel e Outeiro, completa un fermoso desafío para os amantes dos sendeiros por montaña. 
Dentro de pouco o "camiño ferradal" será unha ruta homologada pola Federación Galega de Montañismo, nestes momentos estase procedendo á tramitación deste recoñecemento.
O Camiño Ferradal ou da Caleira desenvólvese de xeito íntegro nas parroquias de Bendollo, Paradaseca e Vilarmel no Concello de Quiroga. Une os lugares de Rugando, Paradapiñol, Paradaseca e Ponte Soldón cun percorrido de 11 km.
O percorrido proposto arranca dende a ferrería de Rugando, hoxe casa de turismo rural: atravesamos o río pola ponte que une este lugar con Vilarmel e Cereixido, na marxe esquerda do río Soldón, o camiño faise máis estreito e quebrado na baixada ao río onde aínda se poden ver os restos dunha ponte que permitiría acceder a Paradapiñol. Neste treito o sendeiro vai cerca do río para ir gañando altura progresivamente ata separarse do camiño vello que subía cara a Cereixido. A partir deste cruzamento o sendeiro vai máis ou menos ao chan ata chegar a unirse co Camiño Ferradal.
Unha vez superado o cruzamento da ponte de Paradapiñol, o camiño ascende con suavidade cara ao lugar do Castro para descender tamén con suavidade ata unha ponte de madeira que atravesa o regato do Barreiro procedente de Cereixido. Baixo a ponte e nun lugar de gran beleza atopamos un muíño fariñeiro que segundo contan nunca chegou a funcionar. Dende o rego de Cereixido o sendeiro empeza a gañar novamente altura bruscamente ao primeiro e logo de xeito doado, pasando ao carón dun curioso abrigo rochoso probablemente empregado antano polos pastores. Pronto nos atopamos co rego de Rocaboa que baixa bruscamente do chan de Fiais en abruptas fervenzas.
Atravésase novamente por una ponte de madeira para ir gañando altura ata saír do rego e circular a media ladeira polo val do río Soldón. Neste val o camiño descende paseniño ata cruzar o Soldón na espectacular ponte do Frade, recen construída; xa na beira dereita a ruta percorre un treito rodeado de sequeiros e alvarizas que nos conduce ata o lugar de Pena Furada, túnel escavado polo romanos para conducir auga a varias minas auríferas.
A partir de aquí o sendeiro diríxese cara a Paradaseca para chegar á Ponte Soldón despois de pasar pola paraxe que ocupa a cova de Ricopete, que foi mina romana.
A pouco que un penetre neste camiño, percibe que se atopa ante algo máis que unha vía de comunicación abandonada: estamos ante un claro exemplo de adaptación ao medio, ante un elemento etnográfico en si.
Colgado nun terreo de pronunciada pendente, a súa caixa foi picada, ás veces, directamente na rocha natural, na lousa, alcanzando en ocasións unha altura superior aos 2,5 m polo lado do monte. Pola contra, cara á caída do val, nas numerosas ocasións en que a morfoloxía do terreo ou a cota o esixe, aséntase sobre un muro de laxes de lousas horizontais (laxes sacadas da construción da caixa do propio camiño), encargado de soportar o entullo que nestes tramos formaría toda ou parte da súa capa de rodadura.
      Comúns á meirande parte dos camiños tradicionais asentados sobre o substrato rochoso natural, as rodadas esculpidas no chan dos típicos carros de bois do país están tamén aquí presentes como proba dun continuado uso desta vía no tempo, probablemente para o transporte do ferro producido na ferrería de Rugando e do cal cocido nos fornos da zona.
         
          Entre a aldea da Seara e a lagoa de orixe glaciar da Lucenza, esténdese unha das rutas de sendeirismo máis destacadas da serra do Caurel.

         A 200 metros do inicio desta ruta, está O Fócaro, unhas das fervenzas máis espectaculares da serra do Caurel, cuns 30 metros de altura e cun caudal bastante estable durante todo o ano. Despois cruza o regato que baixa da Lucenza e Porto Murelos polo pontón da Lomeira.
          Dende este punto é posible contemplar un dos maiores saltos de auga da serra: a fervenza de Navaregas de preto de 70 metros. Continuando chegase ata o pequeno regato do Lago e subimos outros 30 m ata a cunca onde se atopa a lagoa. Ten uns 70 m de diámetro e pode chegar a secarse a finais dos veráns máis secos. É de orixe glaciar e a súa antigüidade remóntase ao Plistoceno Superior, hai máis de 16 000 anos. O percorrido ata este punto é de 2,8 quilómetros.
          O sendeiro ascende ata a Campa da Lucenza e despois chega ata o Teso das Papoulas. A continuación, ata o lugar da Boca da Rogueira. A partir de aquí vai máis ao chan para bordear o monte Formigueiros A pista chega a un lugar polo que descendemos lixeiramente chamado Campa da Retorta. A partir de aquí xa se poden ver as veneiras: lugares onde se extraía o mineral de ferro a ceo aberto. Situadas á altura dunha zona achaiada, esténdense por ambas as ladeiras da montaña. Nesta zona, preto do lugar dos Castros, existen dúas explotacións mineiras auríferas soterradas, coñecidas polas xentes do lugar como cova de Arcos e cova de Augas.
     Trátase dunha ruta circular que remata despois de preto de 12 km novamente no lugar da Seara.

No hay comentarios:

Publicar un comentario