25 jun 2015

UN INCENDIO CALCINA MÁIS DE 5 HECTÁREAS DE PIÑEIROS NA CONCHADA

       Un incendio de considerables dimensións declarouse onte pola tarde no monte comunal da Conchada. Trátase dunha das maiores extensións de piñeiro de repoboación de toda a comarca quiroguesa.
         Na extinción do lume, que se iniciou ás seis e cuarto da tarde participaron oito brigadas de bombeiros forestais, seis axentes, 5 carrocetas motobombas e unha pá. Tamén se recibiu o apoio de tres avións. Ata a zona tamén se achegou a Garda Civil, o Grupo Municipal de Emerxencias,  o alcalde de Quiroga, Julio Alvarez e o concelleiro José Enríquez.
       Pouco antes das dez, os medios aéreos retiráronse porque empezaba a caer a noite. A esas horas aínda saía da zona afectada unha importante columna de fume, aínda que os traballos de extinción lograron impedir a propagación do lume que quedou rematado sobre as tres da mañá.

En total arderon cinco hectáreas e media de arborado, unha prantación relativamente nova. Esta mañá continuaban as labores de saneamento da zona por parte das brigadas da consellería de Medio Rural.

No hay comentarios:

Publicar un comentario