22 oct 2015

AS RUTAS DE SENDIRISMO DE QUIROGA XA SE PODEN CONSULTAR EN WIKILOC

         As rutas de sendeirismo do Concello de Quiroga están xa na aplicación Wikiloc. Aínda que o sitio está en construcíon xa se poden consultar e descargar os traks de 11 rutas selectas, das que pronto 6 contarán coa homologación da Federación Galega de Montaña.
http://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=1773920&from=0&to=10

A Ruta do Ferradal, de 11,65 kilómetros, parte da marxe dereita do río Soldón, na súa desembocadura no río Sil. Desde este punto comeza a ascensión cara a Rugando. Seguindo o camiño que durante anos percorreron persoas e mineral cara ás ferrerías, percorre unha contorna repleta de vexetación. Atopanse soutos de castiñeiros, carballeiras, piñeiros e especies de ribeira. O Camiño do Ferradal ten a súa orixe no percorrido que realizaban antigamente os arrieros para transportar o mineral de ferro, desde as montañas do Caurel ata as ferrerías.
A Ruta da Lagoa da Lucenza, de 9,36 kilómetros, é a máis difícil de todo o municipio. Nesta ruta circular atopanse paisaxes diferentes dos doutras rutas da Ribeira Sacra. Trátase dunha ruta de media montaña, dentro do espazo Rede Natura dos Ancares - Caurel, na que se sae dos vales para chegar á alta montaña lucense. O percorrido iníciase no pobo de montaña da Seara, e ascende polo val de Forgas, pasando polas fervenzas de Fócaro e de Navarega, ata chegar á Lagoa dá Lucenza, de orixe glaciar e cuxa antigüidade se remonta ao pleistoceno. Segue ascendendo ata a Campa dá Lucenza, a uns 1500 m de altitude, e enlaza cunha pista que percorre a parte alta destas montañas. Ao chegar ás proximidades do Alto de Formigueiros, desviase por un carreiro que leva de volta a Seara pola outra ladeira do val de Forgas.
A Ruta da Fervenza de Vieiros, de case 5 km, vai desde o centro do pobo da Seara ata a Fervenza de Vieiros. Unha vez nos arredores da fervenza, realízase un pequeno percorrido circular que permite contemplar o salto de auga desde diversos puntos.
          A Ruta do Ouro e do Camiño Real, de 15,49 kilómetros, xa homologada, parte da aldea de Margaride. Trátase dun percorrido circular que nun tramo coincide co Camiño de Santiago de Inverno. Recoméndase deterse no miradoiro de Castro Dares para contemplar as panorámicas sobre o río Sil e o val de Quiroga.
          A Ruta de A Seara ó Pía Páxaro, de 13,36 kilómetros, leva a un dos puntos máis altos da Serra do Caurel, o pico de Pía Páxaro (1610 m). Recoméndase subir polo camiño Sur para realizar o descenso polo ramal Norte. A ascensión transcorre por pistas de bo firme. No descenso camiñase por camiños entre monte baixo e pequenos bosques de vexetación autóctona.    
           A Ruta da Encomenda, de 6,24 kilómetros, discorre por camiños utilizados desde hai séculos polos habitantes da zona e viaxeiros. Coincide en parte co Camiño de Santiago de Inverno. Durante o traxecto podese ver o Castelo dos Novaes, o conxunto histórico-artístico de Hospital, e as paisaxes do val de Quiroga.

A Ruta da Devesa do Cervo, de 5,7 kilómetros, é unha ruta de montaña que discurre a través de bosques autóctonos, ata chegar a zonas de monte baixo desde onde contemplar a beleza dos vales case virxes desta zona de Quiroga.         
          Ruta da Fonte do Cal a Cereixido, de 3,19 kilómetros, é unha ruta circular por camiños entre bosques con vexetación autóctona e soutos de castiñeiros en produción. Durante o traxecto pasase por un antigo forno de cal, os restos dunha capela e o pobo de Cereixido.
          A Ruta do Pregamento Xeolóxico de Campodola, con 7 kilómetros,  consta de dous tramos ben diferenciados. O primeiro tramo, partindo de Leixazós, percorre o val do río Ferreiriño polas dúas beiras do río ofrecendo espectaculares vistas, tanto do val como das formacións asociadas ao plegamiento xeolóxico. O carreiro avanza entre carballeiras e vexetación autóctona. No segundo tramo da ruta cambiase de val para dirixirse, por pistas de terra entre piñeiros, cara a Campos de Vila. Trátase dun descenso cómodo, cara ao val do río Quiroga. Esta ruta atópase en proceso de homologación.
          E tamén en proceso de homologación está tamén a  Ruta do Val do Río Quiroga, de 9,44 kilómetros. Esta ruta de sendeirismo percorre unha pista de terra paralela ao río Quiroga, ata chegar á aldea da Casa do Vello. Desde aquí ascende por un carreiro ata a capela de San Xoán, e descende de novo ata chegar ao pobo das Barxas, no val do río Pacios. Desde As Barxas, o camiño atravesa unha carballeira e atopanses duas alvarizas ben conservadas. Só queda chegar á desembocadura do Pacios no río Quiroga. Podese volver comodamente ao comezo da ruta tomando a pista de terra que percorremos inicialmente.


No hay comentarios:

Publicar un comentario