20 nov. 2015

QUIROGA TRABALLA PARA CONVERTERSE NO MUNICIPIO CON MÁIS RUTAS HOMOLOGADAS DE GALICIA

          O Concello de Quiroga en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia levou a cabo o proxecto denominado "Plan integral de ordenación dos sendeiros do Concello de Quiroga". Esta actuación comprende varias actuacións encamiñadas a converter o territorio do Concello de Quiroga nun dos puntos de referencia para os amantes da práctica do sendeirismo.
     O abeiro deste proxecto realizouse un estudo completo de todos os itinerarios activos dentro do Concello de Quiroga para a toma de datos GPS, fotografías e outros datos que puideran contribuír a ofrecer a mellor información posible aos visitantes e decidir cales son os percorridos máis adecuados para esta práctica.
         Unha vez realizados estes traballos de campo os resultados plasmáronse polo momento en tres actuacións, a homologación de tres novos percorridos por parte da Federación Galega de Montañismo, a creación dun perfil específico en Wikiloc e a mellora da rede de miradoiros do Concello de Quiroga.
          O Concello de Quiroga xa contaba cun percorrido homologado, o da Ruta do Ouro e do Camiño Real, que parte de Margaride. Posteriormente tramitáronse para a súa inclusión nesta distinción outros dous percorridos: O Camiño Ferradal ou da Caleira, entre Rugando e Ponte Soldón, e a Ruta da Lagoa da Lucenza, dende A Seara. Agora, ao abeiro deste plan, tramítase a inclusión de tres novas rutas: a ruta da Seara a Rugando, a ruta do pregamento Xeolóxico de Campodola-Leixazós dende Leixazós ata Campos de Vila e a ruta do val do río Quiroga, dende Campos de Vila ata a Casa do Vello. Despois do desenvolvemento deste plan o Concello de Quiroga contará cos seis percorridos homologados no seu territorio, o que o converte no concello de Galicia con máis itinerarios distinguidos con este selo de calidade.
         O proceso de homologación implica unha serie de traballos para a mellora das rutas como é a sinalización e a panelización dos percorridos de acordo coa esixente normativa do organismo competente, neste caso a Federación Galega de Montañismo. Percorridos clásicos dentro do Concello de Quiroga, como eran o camiño Ferradal ou o da lagoa da Lucenza, adaptáronse para cumprir con esta normativa polo que contan, ao igual que os demais percorridos, con nova sinalización e panelización.
        Outro dos traballos realizados foi a creación dun perfil específico en Wikiloc do Concello de Quiroga no que aparecen as mellores rutas e no que se ofrecerán datos continuos sobre o seu estado.
        Esta plataforma que está na internet pódese utilizar tamén desde calquera dispositivo móbil o que facilita aos usuarios os percorridos propostos.  http://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=1773920&from=0&to=10
       Finalmente realizáronse obras de posta a punto de dous dos miradoiros máis emblemáticos do concello: o miradoiro de Castro Dares (dentro da ruta da ouro e camiño real de Margaride) e o miradoiro da Conchada, sobre a vila de Quiroga. Cos arranxos destes dous miradoiros complétase unha rede integrada por seis puntos estratéxicos espallados polo Concello. Aos dous que agora se melloraron hai que engadirlle os miradoiros de Montefurado (en Anguieiros), o miradoiro de Bustelo de Fisteus, o miradoiro da Golada (A Seara) e o miradoiro de Campodola (sinclinal da Serra de Caurel). En total seis miradoiros que conforman unha rede inmellorable para capturar as distintas esencias do Concello de Quiroga.


No hay comentarios:

Publicar un comentario