1 ago. 2016

EXITO DE PARTICIPACIÓN NA PRIMEIRA NIGHT TRAIL DE QUIROGA

 Quiroga acolleu o sábado a primeira Night Trail, ou carreira nocturna, organizada dende o departamento de deportes, e que contou con preto de 300 inscritos.

Sobre as nove da noite e ata o inicio das carreiras, a praza España acolleu clases de zumba, gratuitas para todo o mundo e no que participaban todas as persoas que quixeron.
  
Sobre as dez da noite comezaban as probas para os nenos que dependendo das idades facían un pequeno recorrido pola vila de Quiroga. En total foron tres as probas infantís.

A carreira que partía ás dez e cuarto da noite dende a praza España, tiña dous recorridos, un de 9,5 km, practicamente urbán e outro de 16 km que aínda que partían xuntos, separábanse á altura de Caspedro. O recorrido de 9,5 km dende Caspedro continuaba pola ruta da Encomenda, é decir por San Xulián de Arriba, Hospital, A Vergaza, A Ermida, o paseo Fluvial e remataba no punto de partida en Quiroga. A máis longa, dende Caspedro continuaba cara o Castelo, para ir polo monte e baixar cara a Vergaza, onde continuaba polo mesmo recorrido que a anterior. Ademais de correndo estes dous recorridos tamén se podían facer na modalidade de andaina.

Tratouse dunha proba bastante suave, accesible para todos os públicos, cunha quilometraxe baixa e sen grandes desniveis nin tramos técnicos, aínda que o 80% do circuíto foi por pistas e carreiros dos arredores de Quiroga. A graza estaba en que se trataba dunha proba nocturna.

 Para ambas as probas era obrigatorio o uso de luz frontal. Había un avituallamiento líquido e sólido en metade do percorrido, máis avituallamiento final en meta, e outros servizos como bolsa de corredor, duchas no pavillón municipal, gardarroupa, ou fisioterapia en meta.

O gañador absoluto foi o lucense Brais Rozados, cun tempo dunha hora, 17 minutos e 36 segundos; seguido de Javier Tourís e Pablo Israel  Rodríguez. Na categoría feminina a gañadora foi Pili Pérez, cun tempo de unha hora, 37 minutos e 27 segundos; seguida de Canmen Pan e Sandra Fernández.

No recorrido máis corto, Rubén Vázquez con 44 minutos e 44 segundos, foi o gañador e na categoría feminina foi Iria Otero con 57 minutos con 29 segundos.

Os mellores corredores locais  do trail de 16 km foron Mariano Álvarez e María Rodríguez, mentres que na andaina destacaron Alejandro Casanova e Rebeca Piñeiro.
  
Como remate da proba celebrouse unha pancetada para os participantes e unha festa con disco móvil.

No hay comentarios:

Publicar un comentario